Bisbarra, 30 de Novembro do 2022 – O Servicio de Axuda ao Fogar de Ames pendente dun recurso ante o Tribunal de Contratación Pública de Galicia.
A empresa Osventos presentou un recurso especial en materia de contratación ao ser excluída do procedemento. A decisión foi tomada pola Xunta de Goberno Local que, en aquel momento, non tiña competencias para facelo. O Pleno extraordinario de onte martes convalidou esas decisións antes de remitir o expediente ao Tribunal.

Os feitos
O 28 de xullo o pleno de Ames aproba por unanimidade o expediente de licitación do SAF, as cláusulas administrativas particulares e as prescricións técnicas do contrato. A duración inicial será de dous anos desde febreiro do 2023 a xaneiro do 2025. O valor total supera os oito millóns de euros polo que o órgano de contratación é o Pleno Municipal.
En este punto das licitacións os concellos delegan as competencias de licitación na Xunta de Goberno Local, exceptuando a adxudicación. De esta forma axilízase o proceso ao non ter que acudir en cada paso ao pleno e deixando este órgano unicamente para a adxudicación definitiva. Ames en xullo pasado non o fixo polo que as competencias seguiron sendo do pleno municipal.
Pese a que as decisións debían levarse a pleno, foi a Xunta de Goberno Local a que decidiu o pasado 6 de outubro a clasificación dos distintos licitadores e a empresa que ocupa o primeiro lugar. Ë a Xunta de Goberno local a que lle da a Osventos Innovación e Servizos SL dez días para que presente a documentación necesaria para a adxudicación.
Unha vez presentada a documentación a Xunta de Goberno Local, en sesión de 4 de novembro, acorda excluír á empresa do proceso por carecer de solvencia técnica. Realiza entón unha nova clasificación e outorga o primeiro posto á segunda na lista, Attende Care SL.
As dúas empresas obtiveran a mesma puntuación en tódolos apartados (axudas técnicas, servizos adicionais e formación) menos no económico no que Osventos obtivera unha puntaxe de 30 e Attende de 28.08.
Osventos decide entón presentar un recurso, en materia de contratación, ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia. O pasado día 24 o Tribuanl remite ao concello o recurso presentado e solicita o expediente.
Pleno extraordinario
En este punto o concello convoca un pleno extraordinario que se celebrou onte martes. O pleno ten como punto principal convalidar os acordos tomados pola Xunta de Goberno Local fora das súas competencias. Ao mesmo tempo solicita ampliar o prazo de entrega do expediente ao Tribunal de Contratación Pública de Galicia con fin de que os acordos adoptados este martes dean por vos os tomados pola Xunta de Goberno Local evitando anulacións por unha tramitación defectuosa.
Os acordos saíron aprobados cos únicos votos en contra do PP e Ciudadanos. Estes grupos expresaron o seu malestar polo xeito de actuar do grupo de goberno e non quixeron entrar no fondo da cuestión, a exclusión dunha empresa, á espera do que decida o Tribunal.
Co pleno extraordinario de este martes os acordos tomados pola Xunta de Goberno Local quedan “legalizados” pero iso non garante a decisión do Tribunal de Contratación Pública de Galicia sobre o recurso presentado por Osventos.