Ames, 13 de xuño do 2022 – O Ames Jazz chega a súa quinta edición engadindo aos concertos dúas proxeccións de películas relacionadas con este xénero musical.
O festival desenvolverase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e nos seus exteriores, o venres 1 e o sábado 2 de xullo. Ames Jazz contará en esta edición con actuacións de Límbico e Xacobe Martínez Antelo Quinteto.

Os documentais que se poderán ver serán “Thelonious Monk: Straight, No Chaser” e “Keith Jarrett: The Art of Improvisation. En caso de choiva o Encontro trasladarase ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.
A presentación do Ames Jazz correu a cargo da concelleira de Cultura, Natividade González; e mailo concelleiro de Educación, David Santomil, que tivo as competencias en materia de Cultura no anterior mandato e puxo en marcha dita iniciativa.
Estiveron acompañados de Xacobe Martínez, director artístico e representante do grupo Xacobe Martínez Antelo Quinteto; e Iago Marta, integrante da banda Límbico.
Segundo a concelleira de Cultura, Natividade González, esta quinta edición do Ames Jazz pretende “consolidar este festival e dar un paso máis” ao achegar importantes novidades. “Cando comezábamos coa primeira edición non eramos conscientes de que iamos chegar ata aquí. Para min é un pracer continuar e seguir con esa testemuña que me deixou David Santomil, anterior concelleiro de Cultura. Dende entón pasaron xa unha decena de grupos dunha calidade excelente e con propostas galegas”.
Consolidación do Encontro de Jazz
A continuación tomou a palabra Xacobe Martínez, director artístico e representante do grupo Xacobe Martínez, que quixo poñer en valor o esforzo da concellaría de Cultura por consolidar esta cita. “Ames demostrou ao longo destes cinco anos o seu interese e compromiso por fixar esta cita anual algo que ten moitísimo valor, pois o Ames Jazz é un das poucas mostras de jazz exclusivamente galego se non a única que hai en Galicia”. Do mesmo xeito quixo destacar o nivel desta edición “o talento e o nivel dos músicos de jazz en Galicia é tremendo. É un luxo que a veciñanza de Ames poida velos e ademais neste espazo, no Pazo da Peregrina, que é un lugar marabilloso para facelo. Eu traio o meu novo quinteto con músicos de primeiro nivel e un repertorio divertido de escoitar e ver.”

Con todo será Iago Marta e o seu grupo Límbico o encargado de abrir o Ames Jazz 2022 cunha proposta diferente. Segundo Iago Marta, integrante da banda Límbico, o seu “é un quinteto instrumental que nace hai ano e medio con composicións propias e unha formación inusual porque ademais de batería, guitarra e contrabaixo levamos saxo e chelo cos que intentamos xerar temas diferentes e ambientes diferentes”. O integrante de Límbico louvou o esforzo por manter e programar festivais coma este “é un privilexio participar e atopar iniciativas deste calibre. Eu son de Vigo e pese a ser un concello moito máis grande que o Ames alí hai unha seca deste tipo de eventos polo que atoparte con festivais como o Ames Jazz é un privilexio”.
Para rematar o concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, quixo agradecer a continuidade do Ames Jazz cinco anos despois da súa andadura “agradecer a Natividade e a Xacobe o seu traballo para dar continuidade a este festival que xa se está a consolidar. Sabemos da dificultade que supón consolidar festivais coma este e mais nos tempos actuais”. E engadiu “é unha boa nova que teñamos un festival de jazz no concello que se consolide, que o fagan outros festivais como é o caso do Millarock e outros que virán así que longa vida ao jazz”.