Esta semana o concello de Ames comezou coa humanización das rúas Madalena, Estivada de Castelao e das Camelias, no Milladoiro e ven de asinar o contrato para o remate do centro multifuncional

Ademais dos cambios na avenida Rosalía de Castro, Ames inicia esta semana os traballos para mudar a fisionomía da contorna da igrexa da Madalena. As obras do Milladoiro foron visitadas polo alcalde, Blas García, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto.
O proxecto realizase en varias fases comezando pola expropiación dun inmoble que condicionaba todas as obras e que foi vinculada ao plan Ames Progresas 2021 – 2023. Unha vez expropiado dito inmoble puido ser derrubado e agora procédese ao proxecto de humanización a cargo do plan Conecta Ames, dotado cun investimento de preto de 11 millóns de euros.
A seguinte fase do proxecto, unha vez limpada a zona de escombros, será executar unha zona verde con xardín en dita parcela. Esta zona verde será provisional, antes de poder urbanizar as rúas Madalena, Estivada de Castelao e das Camelias.

A actuación de humanización destas rúas está integrada nun proxecto de vertebración do municipio, a través da creación dunha senda ciclable que conecte O Milladoiro, o rural e Bertamiráns. A senda cruzará os núcleos de Biduído de Arriba, Bugallido e Ortoño.
O plan Conecta Ames conta cun orzamento total de gasto de 10.912.878 euros. De dito importe o Concello de Ames vai sufragar 6.547.727 euros (60%), a través de fondos europeos FEDER da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL), mentres que o 40% restante, que ascende a 4.365.151 euros, terá que ser achegado a través de financiamento propio, autonómico ou provincial.
Centro multifuncional do Milladoiro
Por outra banda, este luns 17 de novembro asinouse o contrato para retomar as obras do centro multifuncional do Milladoiro, que foi adxudicado á empresa Iglesias Mera por un importe de 1.097.687,03 euros. As obras deste proxecto comezarán nas vindeiras semanas, mentres que os traballos da humanización na avenida de Rosalía de Castro encaran o seu tramo final.
