Bisbarra, 27 de xullo do 2022 – O concello de Ames sumará once días de festas no mes de agosto, enlazando as de Bertamiráns e O Milladoiro, desde o vindeiro día catro.
A organización das festas é unha colaboración múltiple entre o concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). As da Madalena, no Milladoiro, serán do 4 ao 9 e as da Peregrina, en Bertamiráns, do 9 ao 14.
As propostas musicais para esta quincena son de todo tipo e para todos os públicos. Concertos como o Millarock ou o de Sés e nove noites de verbena con formacións tan coñecidas como a Olympus, Gran Parada, Finisterre ou Los Coleguitas.
O programa de festas foi presentado no salón de plenos da Casa do Concello coa participación do alcalde, Blas García; as concelleiras de Cultura e de Promoción Económica, Natividade González e Ana Belén Paz; o presidente de XEA, Jorge López, e os presidentes das comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina, Carlos Rivas e José Ramón Agrafojo.
A concelleira de Cultura, Natividade González. Valorou moi positivamente que “Por primeira vez en Ames temos unidas as festas do Milladoiro e de Bertamiráns. Poñer en valor as nosas festas é poñer en valor o noso patrimonio e a nosa cultura. Dende o departamento de Cultura xa nestes últimos anos levamos tentando casar a nosa programación de verán coas festas para que así sexa, como co Millarock, co que normalmente abríamos as festas da Madalena. Temos que agradecerlle a idea ao actual alcalde, que xa como concelleiro insistía nunhas festas conxuntas, e que agora como alcalde o conseguiu”.
Pola súa banda o alcalde de Ames, Blas García explicou que “Darlle continuidade ás festas do Milladoiro e Bertamiráns é un obxectivo que nos marcamos neste Goberno, e facémolo por dúas razóns. A primeira, por vertebrar o concello e rachar esa típica discusión e debate sobre Bertamiráns e O Milladoiro. E a outra razón é porque pensamos que un concello coa entidade de Ames, con 32.000 habitantes, necesita tamén unhas festas de calidade. Non quero dicir que ata o momento non se fixeran festas de calidade, cando falo de calidade falo de traballar entre Concello e comisións, empezando a traballar moito antes e que o Concello sexa parte importante delas. Creo que Ames ten unha entidade suficiente como para ter un orzamento propio destinado a organizar as festas”.
Programación
Toda a programación no folleto da festas que podes consultar aqui