Celebrarase no mes de novembro no campo da festa da parroquia de Trasmonte. “Tanto Monte, Monte Tanto” e ten como obxectivo poñer en valor os montes e os produtos vinculados a eses espazos.

O Concello de Ames presentou a quinta edición da Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto”, que se celebrará os días 15 e 16 de novembro no campo da festa da parroquia de Trasmonte, co obxectivo de poñer en valor o monte galego e recuperar os oficios ligados ao monte.
Será un escaparate excepcional dos oficios e dos produtos vinculados ao monte. Na actualidade xa se conta con 24 expositores confirmados e estase pendente de que se poida sumar algún máis. Haberá unha carpa para estar a cuberto e poder participar nas actividades programadas. Así mesmo, durante toda a xornada non faltarán as degustacións e maila música tradicional. Haberá servizo de polbería para comer (polbo, churrasco e doces).
Os expositores confirmados en Tanto Monte ofrecerán produtos como mel, aceite, madeira torneada, instrumentos musicais, tecidos e teas naturas, tés, queixo, castañas, papel reciclado, viveiros forestais, cosmética e menciña natural. Tamén haberá actuacións de música tradicional a cargo de grupos de Ames, exposicións, obradoiros e diversas degustacións nas que os visitantes poderán deleitarse cunha ampla gama de produtos gastronómicos.
A presentación do evento contou coa asistencia do alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; a técnica responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda; e maila técnica municipal do departamento de Turismo, Sonia Moure.

Feira do Monte, evento referente de Ames
O alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García, dixo que “esta quinta edición da feira do monte xa consolida esta iniciativa, que comezamos a facer hai un tempo cun obxectivo menos ambicioso que na actualidade. Fomos vendo que as melloras que fixemos tiveron éxito, porque o ano pasado houbo unha grande afluencia de xente, tanto de expositores coma de público. O noso obxectivo é que esta Feira do Monte sexa a gran feira de referencia de Ames”.
O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, sinalou “o que pretendemos é poñer en valor os produtos do monte, o patrimonio natural e mailo aproveitamento sostible do monte. Ademais esta feira é un expositor de produtos do monte, polo que temos moito coidado con que sexa unha feira xenuína e non interfiran nela produtos que non teñen relación coa materia prima do monte e coa produción sostible”.
Por outra banda, a técnica responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, explicou que “estamos ultimando o número de expositores que van participar este ano na feira do monte. Estamos moi contentos porque repiten a maioría das empresas e artesáns que participaron nas últimas dúas edicións, e ademais temos sete novo expositores, e incluso hai persoas que están chamando para interesarse en saber se poden participar. Este ano ampliamos o espazo de expositores e a variade de produtos que se van expoñer. Ademais, como en edicións anteriores teremos degustación e obradoiros. Este ano haberá un obradoiro de cestería de madeira, non de vimbio nin de palla, a cargo de Luis do Río, que é un cesteiro novo pero que recuperou esta forma de facer os cestos, e temos tamén un obradoiro de estampar con tintas naturais”.
24 expositores confirmados en Tanto Monte
Os 24 expositores que xa están confirmados ofrecerán produtos como mel, aceite, madeira torneada, instrumentos musicais, tecidos e teas naturas, tés, queixo, castañas, papel reciclado, viveiros forestais, cosmética e menciña natural. Tamén hai previstas tres actuacións de música tradicional a cargo de grupos amesáns; e exhibicións de torneado de madeira, elaboración de instrumentos musicais, e de tecido de la virxe de ovella galega.
Como en edicións anteriores farase unha exposición e identificación de cogomelos; así como degustación de castañas, xabarín con castañas, doces do monte e chicharróns de porco celta. Ademais, o domingo 16 farase a entrega de premios da quinta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames; haberá obradoiros de cestería, estampación natural, gaitas de pallas e herbas, etc. Contarase con servizo de polbería para comer (polbo, churrasco e doces).
