Bisbarra, 13 de febreiro do 2025 – Os obradoiros de emprego veñen sendo un dos mellores métodos para introducir no mercado laboral a desempregados pero ademais deixan melloras nos concellos. O Renova de Ames e Brión dotará de paneis solares á escola infantil do primeiro e á de música do segundo.

O obradoiro de emprego Renova, que organizan estes dous municipios, chega a súa sétima edición. En el participan 20 alumnos/as traballadores/as (15 de Ames e 5 de Brión). Nesta edición impártense 9 meses de formación sobre o certificado de profesionalidade oficial de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas.
Impártense tamén un módulo de instalacións eléctricas en edificios de vivendas e actividades complementarias de informática, prevención de riscos laborais e orientación laboral. Dita formación compleméntase con formación homologada de Prevención de Riscos Laborais; manexo de carretillas elevadoras; operador/a de plataformas elevadoras móbiles de persoal; e prevención de riscos laborais en alturas; como complemento á formación no certificado de profesionalidade.
Presentación
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, destacou na presentación, e entrega de diplomas dunha das áreas de estudo, que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”
Pola súa banda o alcalde de Ames, Blas García, explicou que “as administración debemos de colaborar neste tipo de iniciativas que serven para axudar á veciñanza que ten certas dificultades para acceder ao mercado laboral”.
O alcalde de Brión, Pablo Lago, dixo por outra parte que “para o Concello de Brión é un pracer participar un ano máis neste obradoiro. Uns programas que permiten formar aos nosos veciños e veciñas nun sector como o da enerxía fotovoltaica e realizar actuacións de utilidade pública.”
Obradoiro dual de emprego
Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego en que os traballadores/as desempregados/as participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social.
Este obradoiro está sufragado a través dunha subvención de 412.000 euros, concedida aos Concellos de Ames e Brión por parte da Xunta de Galicia, para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. Ademais, os Concellos de Ames e Brión achegan 164.000 euros.
Novas instalacións fotovoltaicas e de iluminación
Ademais da formación teórico práctica, o alumnado realizará traballos de interese municipal e aforro enerxético. Neste caso, van a realizar traballos de mantemento en 18 instalacións de paneis solares fotovoltaicos executadas nas seis edicións anteriores do obradoiro.
Por outra banda van a executar tres novas instalacións de paneis solares fotovoltaicos nas escolas infantís municipais de Ames (Escola infantil municipal A Madalena, no Milladoiro; e Escola infantil municipal O Bosque, en Bertamiráns) e na Escola municipal de música Magariños de Brión.
Na actualidade estanse realizando traballos de renovación da iluminación interior e mellora da eficiencia enerxética no Centro de formación de Aldea Nova e na Casa do Concello de Ames. Tamén se vai executar a instalación de dous puntos de recarga para vehículos eléctricos híbridos no concello de Brión. Estas actuacións enmárcase dentro da formación do módulo de instalacións eléctricas en edificios de vivendas.
