Ames, 25 de febreiro do 2019 – A Real Academia Galega analizará a situación da lingua entre a infancia e a mocidade do Concello de Ames ao abeiro do convenio asinado entre ambas as institucións.
A Real Academia Galega desenvolverá o proxecto denominado I Mapa Sociolingüístico Escolar de Ames 2019-2020. O Seminario de Sociolingüística estudará os principais contextos de socialización da poboación de ata 18 anos do considerado como municipio máis novo de Galicia, desde o ámbito familiar e o sistema educativo ata a educación non formal que se desenvolve a través dos programas de conciliación de vida familiar e laboral ou das actividades culturais e deportivas. A análise prestará tamén atención ás prácticas lingüísticas dos menores de idade nas relacións entre iguais. A partir dos resultados obtidos, A RAG proporá posibles liñas de intervención para os distintos grupos de idade co propósito de recuperar terreo para a lingua nun segmento de poboación fundamental para o seu futuro.
O alcalde de Ames, José Miñones, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, asinaron o convenio para realizar este estudo coa presenza da concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, e o secretario da RAG e coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo. A partir dos datos obtidos neste traballo, os centros elaborarán os seus propios plans lingüísticos e o Concello establecerá as liñas xerais da política lingüística municipal en relación á infancia e á mocidade.
O alcalde de Ames, José Miñones, destaca que “o goberno municipal avanza na análise da situación da lingua na infancia e na mocidade amesá. Tras a elaboración do Informe sociolingüístico A lingua no CEIP Agro do Muíño, presentado no pasado mes de setembro, agora, imos darlle continuidade a este traballo cun mapa sociolingüístico de todos os centros escolares do concello. Agradecemos a implicación neste proxecto da Real Academia Galega e dos centros escolares de Ames e agardamos que o informe de conclusións e valoracións nos sirva para poder desenvolver diferentes políticas de normalización lingüística que axuden a fomentar o uso da nosa lingua”.
“Agradecémoslles ao Concello de Ames, aos colexios e demais partes implicadas a colaboración nun traballo que ten que ver cunha causa que é a causa de todos”, expresa Víctor F. Freixanes. O presidente da RAG lembra que a institución está a priorizar desde o Seminario de Sociolingüística a infancia e a mocidade por seren un sector clave para o futuro do idioma. “Para soster sempre os argumentos en datos obxectivos, son fundamentais traballos de campo como o que se fará en Ames, que nos ofrecerá un coñecemento de primeira man sobre a situación da lingua na infancia e na mocidade que será tamén esencial para unha axeitada planificación”, engade.
Este convenio, que ten unha vixencia de dous anos, establece que o devandito proxecto se executará en dúas fases. Na primeira fase farase un mapa sociolingüístico dos centros escolares de infantil e primaria, mentres que na segunda fase se realizará o estudo dos centros de ensino de ESO e bacharelato. Asi mesmo elaboraranse enquisas específicas dirixidas a alumnado, profesorado e familias con nenos e nenas matriculados nas escolas infantís (0-6 anos) e en centros escolares de educación primaria de Ames (6-12 anos), tanto de titularidade pública coma privada.
Na segunda fase faranse enquisas específicas dirixidas ao alumnado, profesorado de ensino secundario e bacharelato dos institutos amesáns (12-18 anos) e ás súas familias.
Unha vez feita a recollida de datos, analizarase a información obtida e elaborarase un informe co resultado e con propostas de intervención sobre os niveis de infantil, primaria, secundaria e bacharelato; un informe xeral da situación no Concello de Ames e informes individualizados por cada un dos centros escolares obxecto deste estudo. Ademais, entregaráselle ao Concello de Ames un informe cos datos analizados, cos resultados obtidos e con recomendacións sobre as posibles liñas de intervención.