Ames, 06/03/2026 – O Concello de Ames presentou a programación de actividades para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O acto central realizarase o domingo, 8 de marzo, na Casa da Cultura de Bertamiráns.
Ese día, a partir das 11 da mañá, proxectarase o documental 8M A Voces cun coloquio posterior coas nove mulleres que participaron na peza audiovisual, para falar da súa experiencia. Estará moderado pola presentadora do acto, Fátima Pego.
A peza foi promovida polo Concello de Ames e nace coa vontade de poñer o foco nas voces das mulleres do municipio no marco do Día Internacional da Muller, recollendo testemuños de vidas reais e diversas.
Xa pola tarde, as seis e media, poderase gozar, tamén na Casa da Cultura, do espectáculo “O positivo de fracasar no amor”, un monólogo de Pablo Piñeiro. Neste espectáculo Pablo Piñeiro debulla a súa obra literaria do mesmo nome e comparte o seu proceso persoal: dun mozo “analfabeto emocional” que aprendeu a cuestionar os mitos do amor romántico, os mandatos de xénero e as expectativas que condicionan as nosas relacións.
No escenario acompáñao René Merino, que debuxa en directo o que lle suxire o texto, engadindo unha dimensión visual que transforma cada función nunha experiencia viva e irrepetible. Trátase dunha proposta que fai rir, que remexe por dentro e que deixa pegada. Porque quen entre no auditorio cunha idea do amor, probablemente saia con outra. Os convites para acudir a este espectáculo pódense obter na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Actividades nos centros educativos e curso de defensa persoal
Dentro da programación tamén está prevista a elaboración de murais colaborativos nos centros educativos. Nesta actividade participa o alumnado e mailo persoal de 7H cooperativa cultural. Primeiro realizase un proceso de tormenta de ideas e de deseño, e posteriormente, abordase a fase de pintado dos murais. Ademais, o persoal do CIM vai visitar os centros educativos para achegar información e repartir material do 8M.
Dende a Concellaría de Igualdade organízase un curso de formación en defensa persoal para mulleres, que se vai a impartir o sábado, 21 de marzo, pola mañá no Milladoiro e pola tarde en Bertamiráns. Para participar nesta actividade hai que inscribirse previamente. Este mesmo curso vaise a impartir o luns, 23 de marzo, no IES de Ames, en Bertamiráns. Proximamente publicarase un programa específico sobre ditos cursos e mailo xeito de inscribirse.

1 thought on “O documental 8M A Voces centra a programación de Ames para o Día Internacional da Muller”
Comments are closed.