Bisbarra, 16 de decembro do 2022 – A concelleira de Cultura de Ames, Natividade González, presentou a programación de teatro e danza do concello para o primeiro semestre do 2023.
Serán un total de dez actuacións que ocuparán os auditorios de Bertamiráns e Milladoiro. As entradas poderán adquirirse a partir do vindeiro 9 de xaneiro. Ademais, haberá descontos para diversos colectivos e bonos culturais, que estarán dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello dende o 20 de decembro ata o 4 de xaneiro.
A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.
Xunto a Natividade González participaron no acto de presentación o director de AGADIC, Jacobo Sutil, e a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez. Asistiron ademais Xron, do Grupo Chévere; Artur Trillo, de Talía Teatro; Ánxeles Cuña, de Sarabela Teatro; Emi Candal, de Urdime; Tamara Canosa, de Rebordelos; Tito Asorey, de Ainé Producións, e Hugo Pereira e Esther Latorre, da compañía Colectivo Glovo. Esperanza Mara, protagonista de Papagena, presentou a obra a través dun vídeo que se proxectou aos asistentes.
A concelleira de Cultura, Natividade González, sinalou sobre a presentación que “o facemos así xa que queremos poñer en valor a suma de todas as sinerxias, tanto das administracións públicas como das compañías e artistas, e a importancia que teñen todos estes vértices para que a cultura medre”.
A concelleira explicou que “hai previstas dez actuacións, entre as que se inclúen tanto representacións teatrais como espectáculos de danza, para público familiar e público adulto”. Finalmente, rematou a súa intervención agradecendo a presenza dos asistentes e convidando á veciñanza a asistir aos distintos eventos programados.
Pola súa banda, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, destacou “a calidade da programación, algo que xa vén sendo habitual en Ames, cunha programación variada e moi compensada, para todos os públicos” e agradeceu que o Concello forme parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Así mesmo, desexou “que todo o público local e todos os que visiten a localidade por mor da calidade da programación desfrute con ela e saia con ganas de máis”.
A técnica de Cultura do Concello de Ames, María Vázquez, explicou polo miúdo os espectáculos que terán lugar durante o primeiro semestre do ano, as maneiras de adquirir as entradas e bonos e a partida orzamentaria que se destinou. Ademais, indicou que a programación está composta por “propostas máis seguras, pero tamén outras un pouco máis arriscadas, que non deixan de ser interesantes” e que terán lugar “case todos os venres, agás en festivos ou en vacacións”.
Programa do primeiro semestre de 2023
A programación de artes escénicas para o público familiar da primeira metade de 2023 inclúe unha obra teatral e un espectáculo de danza contemporánea. A primeira delas será a función “Ninja”, da compañía Ghazafelhos, que se representará o venres 3 de marzo na Casa da Cultura de Bertamiráns. Haberá unha primeira sesión escolar, que terá lugar ás 12:00 horas; mentres que as 18:00 horas se celebrará outra para familias. Pensada para nenos e nenas a partir dos cinco anos, “Ninja” é unha obra lúdica e pedagóxica que aborda o acoso escolar a través dunha historia divertida e chea de reflexións sobre o respecto, o apoio mutuo e a diversidade.
O espectáculo de danza contemporánea, “Nina Ninete”, desenvolverase da man da compañía Paula Quintas o 14 de abril, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A través do baile, nárrase unha historia de beleza e rebeldía inspirada na estética do Ballet Triádico.
Xa dentro da programación para adultos, ofrécense sete espectáculos de teatro e un de danza. O primeiro deles, unha obra de teatro contemporáneo, “N.E.V.E.R.M.O.R.E”, terá lugar o 20 de xaneiro ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Conta a historia do corvo do poema de Poe e das respostas que este lle dá a un home que perdeu o que máis quería, acudindo tamén á memoria colectiva do pobo galego.
Tamén no mes de xaneiro representarase a comedia “Morte accidental dun anarquista”, de Talía Teatro, o día 27, ás 20:30 horas, en Bertamiráns. Nela nárrase a vida de Helena, unha doutora de prestixio internacional que se pon á fronte dun balneario na súa vila natal. Tras contaminarse as augas da zona, deberá loitar por preservar a saúde da veciñanza, a pesar de poñer en risco a prosperidade económica da comunidade.
Así mesmo, en febreiro, terán lugar outras dúas funcións de teatro contemporáneo: “Búho”, de Titzina Teatre, que se representará o venres 3 ás 20:30 horas, no Milladoiro; e “Contos Arraianos”, de Sarabela Teatro, que será o día 10, tamén ás 20:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Na primeira, Pablo, un antropólogo forense especializado en xacementos paleolíticos sofre un ictus que lle provoca unha amnesia severa, e debe recuperar as súas lembranzas e a súa identidade. A segunda é unha das obras fundamentais da literatura galega, unha suma de relatos que incitan a deambular por mundos polos que transitan o erotismo, o misterio, a miseria e a grandeza de alma.
Xa en marzo, representarase “Papaguena”, o venres 10, ás 20:30 horas, no Milladoiro. Trátase dun musical proposto por ButacaZero, unha ópera na que se conta as aventuras de Tamino e o paxareiro Papagueno, inspirada nunha das composicións de Mozart, “A frauta máxica”. Por outra banda, o día 17 terá lugar “Amantis”, de Rebordelos. Será ás 20:30 no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A obra de teatro versa sobre a historia de M., un rapaz de barrio obreiro que quere volverse influencer para chegar a ser amado e aceptado, e fai un repaso pola brecha xeracional que existe entre nativos e non nativos dixitais. O 24 de marzo, ás 20:30 horas, en Bertamiráns, Ainé Producións presentará “Continente María”, unha función na que se repasa a vida de María Casares, recordando as súas vivencias, pensamentos e recordos.
Para finalizar, o mes de abril estará dedicado á danza. O venres 21, Colectivo Globo recalará na Casa da Cultura do Milladoiro para presentar “Tabú”, e mergullar aos espectadores a través do baile nun relato sobre doce mulleres que foron pioneiras do fútbol en Galicia, a comezos do século XX.