Ames pon en marcha unha consulta pública sobre a normativa que regulará os denominados actos de “Benvida Social” máis coñecidos como bautizos civís.
Ames vén de comezar os trámites para establecer unha ordenanza que regule a carta de “Benvida Social”, tamén coñecida en outros concellos como bautizo civil. Segundo os cálculos dos servizos municipais non será ata agosto cando se poida oficiar a primeira celebración de este tipo.

A ordenanza estará en consulta pública durante 20 días hábiles rematando o prazo o 19 de maio. Posteriormente proporase para a súa aprobación no pleno ordinario do vindeiro mes. Para estas celebracións o Concello destinará un lugar adecuado e digno, preferentemente no ámbito municipal. En canto aos medios técnicos e mobiliario para a celebración da cerimonia, estarán dispoñibles única e exclusivamente no local municipal habilitado para o efecto, e serán idénticos aos facilitados para a celebración de vodas civís.
A cerimonia, que será realizada polo alcalde ou calquera concelleiro no que delegue, realizarase previa solicitude de ambos os proxenitores, ou titores, que se formulará, con polo menos quince días de antelación mediante un formulario normalizado.
Durante a celebración deste acto citarase a lexislación que ampara o procedemento administrativo e o pai, nai ou titor legal comprometerase publicamente a educar ao seu fillo/a en valores de paz, liberdade e xustiza social; inculcándolle o respecto á igualdade, á diversidade da persoas, aos seus maiores, ás persoas con capacidades diferentes; e en xeral, comprometerase a procurar formalo como cidadán responsable, que integre e mellore a nosa comunidade veciñal.
A instauración desta cerimonia civil obxecto da ordenanza non ten como fin confrontar, desmerecer, desnaturalizar, nin moito menos substituír o sacramento do bautismo cristiá, senón que pretende dar resposta a numerosas demandas formuladas pola veciñanza de Ames.
O alcalde explicou que “este é un servizo que se nos vén demandando dende fai tempo e que pretendemos poñer en marcha unha vez se cumpran todos os prazos e trámites legais preceptivos. Como sempre dicimos, Ames é un concello de servizos e como tal daremos resposta a todas aquelas familias que desexen realizar unha cerimonia laica para celebrar a chegada dunha nova amesá ou amesán”.