Bisbarra / Compostela, 26 de febreiro do 2025 – Ames e Santiago de Compostela presentarán proxectos á convocatoria EDIL, Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local, aberta a propostas ata o 28 de marzo.

Os dous concellos participaron na anteriores convocatoria, a denominada EDUSI, da que Compostela conseguiu 10 millóns de euros, na primeira das ofertas; e Ames 5 millóns, na segunda delas.
Hai que dicir que os fondos europeos supoñen un control e uns prazos moi estritos. Fronte á idea de que con eles cada u “fai o que lle da a gana” está unha realidade na que hai que cumprir prazos, aportar enormes volumes de información e xustificar ata o último céntimo.
Esta complexidade levou a ámbolos dous concellos a ter que renunciar a algúns dos proxectos pola imposibilidade de cumprir ditos prazos. A pandemia, problemas coas empresas ou a falta de materiais ou a inflación levaron a todos os concellos a esas renuncias.
Fondos EDIL
Agora existe a posibilidade optar aos fondos da Estratexia de Desenvolvemento Local Integrado, EDIL. Compostela solicitará o máximo permitido, 12 millóns de euros, que pensa complementar con 8 máis de fondos propios.
No proxecto que se presenta aos EDIL, Compostela acometería cambios substanciais no norte da cidade, nunha zona que vai desde a Almáciga ata Salgueiriños. Unha factoría cultural no esqueleto do que ía ser o parque comarcal de bombeiros, a rehabilitación de vivendas en Caramoniña, un colector de pluviais na avenida de Lugo que evite as inundacións, a recuperación do río Corgo ou un elevador público na contorna da rúa do Pino son só algunhas das intervencións que Compostela quere facer.

Ames pola súa banda aprobou en pleno a solicitude de 9 millóns de euros. Entre os proxectos que se inclúen está o novo mercado de abastos e un banco de terras local, unha senda ciclable que conecte o Milladoiro co rural (e que leva aparellada a humanización dos lugares do Milladoiro e Bertamiráns de onde sae e a onde chega), un proxecto de transporte público que una Milladoiro e Bertamiráns, e a mellora enerxética de centros sociais do rural.
A convocatoria é moi esixente xa que só os proxectos mellor deseñados e máis acordes coas bases da convocatoria serán elixidos. O prazo de execución chega ata o 2029 pero polo camiño existen distintos “puntos de control” que obrigan a cumprir prazos. A resolución pode tardar meses así que este é o comezo do camiño.
