Bisbarra, 23 de maio do 2024 – Esta noite ábrese o primeiro ciclo de monólogos de Ames coas actuacións de Quico Cadaval e Antía Costas na Casa da Cultura do Milladoiro e coas entradas xa esgotadas.

O ciclo continuará ata o vindeiro domingo día 26 e combina artistas consolidados con outros emerxentes e os espazos culturais do Milladoiro e Bertamiráns. As entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello, aínda que as de hoxe, como xa dixemos, e as do domingo están esgotadas.
O ciclo chegará a Bertamiráns o venres 24, coa actuación de Pepo Suevos e Adrián do Regenco na Casa da Cultura ás 21:00 horas. Volverá ao Milladoiro o sábado 25 con Paula Carballeira e Cristóbal Álvarez, a mesma hora. As dúas sesións do domingo con Carlos Blanco teñen as entradas esgotadas.
O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, explica que esta proposta é “algo distinto do que vimos facendo habitualmente e que queremos que continúe nos vindeiros anos”. Así mesmo, destaca “a variedade da programación cultural municipal que se ofrece ao longo do ano, con propostas para todos os públicos, como o ciclo Abril de Cine ou as propostas de danza e teatro que integraron o Ames Cultural 2024, que se desenvolveu no primeiro semestre de 2024 e ao que asistiron un total de 1.877 persoas”.