займ срочно

Ames súmase ao Ciclo Cinematográfico Mestre Mateo

0

Ames, 25 de marzo do 2022 – Ames participa no Ciclo Mestre Mateo, un proxecto impulsado pola Academia Galega do Audiovisual e as catro deputacións para achegar o máis destacado do cinema galego aos concellos.

Ata o mes de novembro, a veciñanza poderá ver nos auditorios de Ames as oito películas nominadas nas categorías de mellor longametraxe e mellor documental. O filme candidato a mellor documental nos XX Premios Mestre Mateo, “O gran camiño”, será proxectado o 30 de marzo, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

O Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu a presentación do ciclo, á que acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Cultura, Natividade González; o deputado de cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e a técnica municipal do departamento de Cultura, María Vázquez.

Natividade González dixo que “Ames é cine e así o demostran os numerosos ciclos que vimos celebrando nos últimos anos”, e lembrou a boa acollida coa que contaron outras propostas, como o festival Cinema Miúdo, o Abril de Cine ou o ciclo de documentais do pasado mes de novembro.

En total, e ao longo do 2022, o Ciclo Mestre Mateo presentará oito producións finalistas dos Premios Mestre Mateo, que se irán desvelando a principios de cada mes. Deste xeito, as películas que se poderán ver en Ames serán os documentais “A poeta analfabeta”, “A virxe roxa”, “O gran camiño” e “Welcome to ma maison”, ademais das películas “Cuñados”, “Jacinto”, “Malencolía” e “Tres”.

A concelleira de cultura gabou a calidade e o traballo que se está a realizar no audiovisual galego. “Achegar o audiovisual á veciñanza de Ames é achegala á nosa cultura, feita na nosa terra e polos nosos, á vez que promovemos o consumo dos nosos produtos. A gran calidade de filmes e documentais que existen no noso país evidencian a realidade do gran talento galego. Agora toca sumar esforzos, o talento e o investimento, xa que os logros e os éxitos veñen de cimentar unhas bases sólidas para que o audiovisual galego siga sendo un referente”.

Na mesma liña pronunciouse o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto. “O audiovisual galego está nun gran momento porque o merece, porque se traballa moitísimo e porque ten unha calidade extraordinaria. Demos este paso para que non só nas cidades se coñezan os filmes finalistas, senón que tamén en vilas de máis de quince mil habitantes. Ames aquí non podía faltar, porque ademais ten unha proposta audiovisual ao longo do ano moi interesante”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies