Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

PUBLI bng 25 XULLO
Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Ames
  • Xeral

Día de Rosalía en Ames

ames dia de rosalia slide 14 febreiro 2025

Bisbarra, 14 de febreiro do 2025 – O Concello de Ames súmase un ano máis á conmemoración do Día de Rosalía, unha das escritoras máis universais de Galicia e que, ademais, foi veciña da aldea da Tarroeira, na parroquia de Ortoño, durante unha parte da súa infancia.

A programación deste ano dedicada a Rosalía de Castro,  trata de poñer o foco na poboación máis nova. Deste xeito, as actividades pretenden estimular e dinamizar o uso do galego entre a mocidade amesá, poñendo en valor e achegándolles referentes en canto ao uso da lingua.

Día de Rosalía en Ames

A programación está coordinada entre os departamentos de Bibliotecas, Normalización Lingüística e Turismo. A primeira das actividades será “Rosalía Cantareira” de Jara Ortiz, un concerto didáctico que tamén forma parte do programa Apego e que achegará as crianzas á parte máis musical da poeta. A actividade desenvolverase hoxe venres 14 de febreiro, ás 18.00 horas, no auditorio do Milladoiro.

A principal novidade do programa deste ano vén da man de Fernando Yáñez, coñecido por ilustrar os murais solidarios da fundación Art for Dent. O artista realizará unha intervención ao aire libre, na que empregará as caixas de semáforos dalgunhas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro. O principal obxectivo desta iniciativa é xerar impacto, proximidade e visibilidade entre toda a veciñanza e as persoas que se acheguen ou pasen polo Concello de Ames.

O artista pintará catro caixas (tres localizadas en Bertamiráns e unha no Milladoiro) coa silueta de Rosalía e tamén cuns versos da autora. Este conxunto de murais complementa o mural solidario rosaliano da asociación Art for Dent, inaugurado no 2024 e situado na avenida da Maía en Bertamiráns.

Por outra banda, o venres 21 de febreiro, as crianzas dos comedores escolares municipais poderán volver a degustar o caldo de gloria. O alumnado dos centros escolares de Ventín, Barouta, Agro do Muíño e Maía degustarán este literario prato.  O Caldo de Gloria aparece descrito no poema de Rosalía “Miña casiña, meu lar”, en Follas Novas, no que unha muller pobre conta como consegue, fronte ás adversidades que a rodea, facer un caldo de gloria.

Tamén se desenvolverán os obradoiros “Crea e debuxa”, dirixidos a crianzas a partir de 3º de primaria e que se impartirán o venres 21 no Milladoiro e o sábado 22 en Bertamiráns. Nesta actividade, a rapazada poderá amosar o seu lado máis creativo mentres que coñecen diferentes obras da ilustre escritora.

O prazo de inscrición para participar está aberto ata o vindeiro 18 de febreiro e pódese facer chamando ao 981 884 829 (biblioteca de Bertamiráns) ou 981 530 807 (biblioteca do Milladoiro) ou enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal indicando o nome, apelidos e curso, o nome do adulto responsable e un número de teléfono de contacto.

O sábado 22 de febreiro volverá a realizarse a actividade “Viaxando con Rosalía”. Unha excursión literaria á Casa de Rosalía en Padrón, con paradas en Ortoño e Bastavales, que achegará as persoas asistentes á vida da escritora, sobre todo á súa especial relación co Concello de Ames.

A viaxe estará guiada pola especialista rosaliana, María López Sández. Para participar, é preciso inscribirse enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número 662 377 215, entre o 14 e o 20 de febreiro.

2023
2018
2017
2017

Gala homenaxe a Rosalía de Castro

O luns 24 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, a partir das 19.00 horas, unha homenaxe poética e musical a Rosalía de Castro. A gala estará presentada pola comunicadora e actriz Cristina Collazo e tamén contará coa actuación musical de Uxía Senlle e Santi Cribeiro. A entrada será libre ata completar a capacidade do auditorio.

No evento participará todo o alumnado dos centros educativos de Ames, xunto con outras persoas representantes de diferentes colectivos amesáns. Deste xeito, realizarase un acto no que se busca a participación da veciñanza para poñer en valor a figura de Rosalía a través de recitados, música, actuacións e proxeccións.

Rutas teatralizadas pola Costa do Mar de Ovellas

Esta edición volverá a desenvolverse, tras a súa boa acollida o ano pasado, a andaina teatralizada pola Costa do Mar de Ovellas, baseada no poema de Rosalía “A probiña, que está xorda”. Realizaranse un total de catro rutas, que contarán coa colaboración do grupo teatral Os Quinquilláns e da regueifeira Lupe Blanco.

Haberá tres funcións específicas para os institutos de Ames e realizarase unha para o público xeral. Os participantes farán un percorrido de dificultade media duns 5 quilómetros cun 10% de pendente. A ruta destinada ao público xeral desenvolverase o domingo 9 de marzo e contará con servizo de traslado en autobús para as persoas asistentes, con saída desde O Milladoiro ás 10.00 horas e desde Bertamiráns ás 10.15 horas.

Ademais de poder gozar da ruta, que comeza en Aguapesada e finaliza en Trasmonte, haberá ao final unha pequena festa con música e degustación de petiscos. A inscrición para participar estará aberta do 24 de febreiro ata  o 6 de marzo, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

Por outro lado, as rutas programadas para os alumnos dos institutos de Ames desenvolveranse o martes 18 de febreiro e martes 11 de marzo para o IES do Milladoiro e  o luns 17 de marzo para o IES de Bertamiráns.

Post navigation

Previous: Paneis solares para a escola infantil de Ames e de música de Brión
Next: Vedra amplía a rede de abastecemento

Máis novas

Imaxe aérea de Bertamiráns, imaxe de Google Maps
2 minutes read
  • Ames

Alertan da inseguridade en Bertamiráns, Ames

O desenvolvemento de novos fármacos é un proceso longo e complexo. A galega Celtarys, radicada en Compostela, ven de presentar unha tecnoloxía que reduciría o tempo necesario, substituíndo sustancias radioactivas por solucións máis accesibles, sustentables e utilizables en calquera laboratorio.
4 minutes read
  • Xeral

A galega Celtarys desenvolve unha nova tecnoloxía para a validación de fármacos sen radiación

Cartel do festival Lanzadeira 2026
4 minutes read
  • Axenda

Maneiro artista invitado este sábado no Festival Lanzadeira

Un dos traballos de mellora realizados en pistas de Frades
2 minutes read
  • Frades

Frades acomete un intenso programa de bacheo nas distintas parroquias

Imaxe do pleno de Ames sobre o mercado de abastos
4 minutes read
  • Xeral

O mercado de abastos de Ames dependerá dunha subvención de 2 millóns de euros

Lugar de Agromaior no concello de Teo
2 minutes read
  • Xeral

Teo licita o acondicionamento do viario municipal en Agromaior

Cartel da andaina por parellas de Rois
3 minutes read
  • Axenda

A XVIII Andaina por Parellas de Rois aprázase a setembro

imaxe do proxecto da mina de Touro
4 minutes read
  • Xeral

Alertan no Parlamento dos perigos da reapertura da mina de Touro

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2082) Ciencia (115) Comercio e empresa (662) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2771) Curtocircuito (40) Deportes (749) Economía (449) Educación (771) eleccions (44) Emprego (241) Entroido (42) Festas e Feiras (612) Festivais (835) Galego (143) Institucións (1429) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1617) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (811) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (728) Politica (942) saúde (528) Servizos (2672) sindicatos (109) Social (551) sucesos (129) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (692) Turismo (222) Universidade (580) urbanismo (260) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

We use our own and third-party cookies to ensure the website works properly, measure usage, and improve our services. You can accept all cookies, reject non-essential cookies, or configure your preferences. Cookie policy

Configure cookies

Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.

Help measure site usage and improve its content.

Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.

Store preferences or enable non-essential external content.