Ames, 27 de agosto do 2019 – A través do programa Apego a Cé Orquestra Pantasma volve a Ames coas xornadas “Brincadeiras Miudiñas”, un encontro con música, xogos e obradoiros para os máis cativos da casa.
Será estes dous próximos mércores, días 28 e 4, cando a Cé Orquestra Pantasma, encargada de guiar aos rapaces en cada xornada, estará no Milladoiro. A cita ao carón da piscina municipal, no parque dos Piñeiros. En Bertamiráns será nos xardíns do Pazo da Peregrina os xoves, 29 e 5, e en ambos os dous lugares a festa comezará as seis e durará ata as oito da tarde.
Trátase de catro sesións distintas e independentes dirixidas a un público infantil a partir de 2 anos, nas que se recuperará a rúa e a natureza como espazo para o xogo, o lecer e a felicidade dos máis cativos e cativas, ao tempo que nos axudará a descubrir outras formas de brincar sen necesidade de mercar sofisticados aparellos. Xirarán en torno á música, aos xogos tradicionais e a obradoiros de creación libre de xoguetes con materiais naturais.
A Cé Orquestra Pantasma dará un paso máis aló na súa personaxe para meterse na pel dun feirante xogueteiro que entre rimas, música e baile, irá engaiolando cara un mundo marabilloso: o mundo dos xogos e xoguetes miudiños. No Xogueteiro combínase un primeiro momento de música e baile seguido dun espazo de xogo con brinquedos tradicionais. Pequenos e maiores compartirán momentos máxicos, bailando e xogando con brinquedos clásicos como zancos, aros, a ferradura, tiracoios ou construcións.
Tamén haberá un espazo para brincar con material natural non estruturado e descubrir as múltiples posibilidades que nos ofrece a natureza (pólas, liscos de madeira, pedras, cana…) e todo o beneficio que o seu emprego supón para os cativos e cativas. Ademais, nos obradoiros de creación libre de brinquedos, os e as participantes poderán realizar bonecos, vehículos… a partir de diferentes elementos naturais, como poliñas, bugallos, follas, noces, abelás, miga de pan, vimbios, carozos, cunchas, cana do país, follaco de espiga, teas, cortiza, cartón, fíos de lá, piñas, pataquiñas, castañas, casqueiro de piñeiro ou sobreira.
As xornadas pretenden fomentar a creatividade nos nenos e nenas apostando por unha crianza respectuosa e sostible e promovendo a socialización en lingua galega e o achegamento á natureza e ao xogo libre. Para iso a recuperarase a rúa e a natureza como espazos para xogar, coñeceremos novas formas de xogo e xoguetes tradicionais e mesmo haberá pequenos obradoiros para construír brinquedos con materiais que podemos atopar na natureza (paos, pedras, follas…) ou que temos nas nosas casas. Todo isto mesturado coa música e cos contos da Cé Orquestra Pantasma.