Bisbarra, 3 de febreiro do 2023 – A Carballeira de Paramuiño, na parroquia de Biduído en Ames, ven de converterse tras unha intervención municipal na Carballeira dos Trasgos.
O obxectivo e poñer en valor un importante espazo medio ambiental, tanto pola súa fauna como pola flora. A Carballeira dos Trasgos sitúase nas inmediacións do CEP de Ventín e do campo de fútbol da parroquia.


No entorno colocáronse varias figuras dos animais típicos que habitan unha carballeira (vacaloura, bolboreta macaón, donosiña, curuxa, píntega e peto real). Tamén se recrearon seres míticos da cultura galega como os trasgos ou damas. É a primeira parte dun proxecto ao que se lle pretende dar continuidade dotando á Carballeira con máis contido. O espazo ten unha extensión de 8.000 metros cadrados.
Na inauguración participaron o alcalde, Blas García; o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens; a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; o concelleiro de Educación, David Santomil; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; persoal dos departamentos municipais de Medio Ambiente, Turismo e Normalización Lingüística; veciños e veciñas amesáns; así como alumnado de primeiro e segundo da ESO do Equipo de normalización e dinamización da lingua galega do IES Milladoiro, e de sexto de Primaria do CEP de Ventín. O alumnado estivo acompañado do director do CEP de Ventín, Alfredo Rodríguez, e da profesora do IES do Milladoiro, Valentina Formoso.


A técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda descubriu unha placa colocada nun tronco dunha árbore que no seu cumio ten un trasgo sentado. Blas García, agradeceu o traballo da técnica da Aula da Natureza e do persoal do departamento de Medio Ambiente, e destacou que “este é un proxecto no que se leva traballando moito tempo. A mediados do ano pasado decidimos darlle o impulso que faltaba, o impulso económico, e hoxe é xa unha realidade. Isto é algo de todos os veciños e veciñas do concello, que debemos coidar. Esperamos que a xente acabe vindo a visitar este espazo tan bonito”.


Eixos do proxecto
O proxecto contempla tres eixos estruturais que son a eliminación de eucaliptos de xeito paulatino para non alterar a cantidade de luz no chan; a realización de podas e rozas selectivas (o material de poda irase acumulando en pequenos montículos para que servirán de micro-hábitat a multitude de insectos e vermes); e plantación de novos carballos co fin de manter con vida dita carballeira.


Hai tamén unha clara vertente educativa para mostrar a enorme variedade de vida que alberga un ecosistema facendo visible de este tipo. Por outra banda, o obxectivo é que a veciñanza volva a desfrutar das carballeiras coma cando eran un espazo de convivencia, de xogo, de celebración de festas e de encontro.