займ срочно

Volve a Ames a campaña “Zocos e Trasnos”

0

Bisbarra, 20 de novembro do 2023 – O concello de Ames organiza por oitavo ano a campaña solidaria de Nadal “Zocos e Trasnos” que recolle para os cativos agasallos de cara a esas datas da especiais.

A campaña artéllase en base as cartas que a rapazada (os zocos e zocas) escribe pedindo un regalo concreto. Os veciños e as veciñas de Ames que se apunten como “trasnos e trasnas” actuarán como “paxes dos Reis Magos” achegando ese agasallo aos “puntos Trasnos” que este ano situaranse nas Casas de Cultura de Bertamiráns e Milladoiro. O departamento de Servizos Sociais, a través da Oficina de Voluntariado do Concello de Ames, é o encargado de organizar a campaña.

Os Zocos e Zocas son cativos de 0 a 12 anos de familias que non pasan un bo momento económico. Os Trasnos e Trasnas pola súa banda  fan de axudantes dos Reis Magos de Oriente e motores do proxecto xa que serán os/as encargados de “facerse” con ese agasallo e entregalos nos chamados “Puntos Trasnos” que este ano situaranse nas Casas de Cultura de Milladoiro e Bertamiráns.

A Oficina de Voluntariado de Ames será a encargada de recoller as cartas de todos os/as zocos/as aos Reis Magos (nenos e nenas derivados polo departamento de Benestar Social municipal). Estas, serán enviadas por correo electrónico, whatsapp ou en man a cada trasno e trasna, a través dun código de identificación que preserva o anonimato de todas as nenas e nenos.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García, explica que “a campaña Zocos e Trasnos é unha iniciativa solidaria, a través da que se pretende que ningún neno nin nena de Ames quede sen agasallo no Nadal. É un xeito de axudar a aquelas familias amesás que máis o necesitan ou que están pasando por un mal momento económico. Trátase dunha iniciativa que funciona moi ben todo os anos, polo que animamos a todos os veciños e veciñas, na medida que poidan, sós, en grupo ou en familia, a colaborar nesta campaña solidaria”.

Agasallos que non teñan carácter bélico nin sexista

Cada trasno/trasna deberá escoller algo do solicitado na carta, que non poderá superar os 30 euros, envolvelo, poñerlle o código que identifica o seu zoco/zoca e facelo chegar a eses Puntos Trasno. Compre salientar que os agasallos deben cumprir dúas premisas básicas: non ter carácter sexista nin bélico. Finalmente os agasallos serán entregados ás familias para que todos os/as zocos/as poidan desfrutar do seu agasallo no día de Reis.

Non se trata de ofrecer o que nos sobra ou o que xa non utilizamos senón de agasallar ao neno ou á nena con aquilo que eles elixen, o que supón un maior grao de equidade e igualdade.

Como converterse en trasno/a?

Calquera pode converterse en trasno/a. A única condición é comprometerse co proxecto. Para rexistrarse como trasno/a pódese chamar aos teléfonos 662 377 044 (Oficina de Voluntariado de Ames) ou no 683 327 378 (departamento de Educación familiar), a través dun correo electrónico a voluntariado@concellodeames.gal ou de maneira presencial na Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A campaña Zocos e Trasnos tivo moi boa acollida nas edicións anteriores por parte da veciñanza de Ames, de xeito que cada Nadal arredor de 200 nenas e nenos tiveron o seu agasallo grazas a colaboración dos Trasnos e Trasnas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies