Bisbarra, 11 de outubro do 2023 – O concello de Ames ven de presentar as camiñadas teatralizadas que teñen como obxectivo por en valor as parroquias do concello ao longo do autono.

As Camiñadas son unha das novidades da programación da aula da natureza de Ames. Comezarán percorrendo o rego da Andoriña co nome de “O segredo da andoriña”, os días 21 de outubro e 12 de novembro. Para anotarse nesta actividade, centradas nas parroquias de Tapia e Piñeiro, é preciso enviar o impreso de inscrición que podes descargar aquí ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.
Á presentación, no parque do Ameneiral, acudiron o alcalde de Ames e edil de Turismo, Blas García; o concelleiro de Medio Ambiente, Javier Antelo; a concelleira de Promoción da Saúde e Deportes, Susana Señorís, e persoal técnico municipal. Tamén acudiu Tero Rodríguez, en representación da compañía teatral Os Quinquilláns.
Xa durante a primavera e o verán de 2024, organizaranse outras dúas rutas teatralizadas: a do Val dos Pasos e a das Fragas do Tambre.
Camiñada pola ruta da Andoriña
No “segredo da andoriña”, a veciñanza achegarase ás parroquias de Tapia e Piñeiro, onde, a través de diversas representacións, poderá descubrir particularidades da natureza, a historia e o patrimonio de ámbolos dous lugares.
Ao longo das camiñadas percorreranse recunchos como a fonte da Madalena, o rego da Andoriña, o Muíño do Crego, o castro de Piñeiro, o priorado de San Mamede… Todos eles serán os lugares no que se desenvolverán escenas con personaxes como Menciñeiras, Abades ou Muiñeiros. Ao remate, ofreceranse uns petiscos saudables que se servirán na praia fluvial de Tapia.
A teatralización, o vestiario, o atrezzo e o guión desta camiñada correrán a cargo de Os Quinquilláns, unha compañía con ampla experiencia en recreación histórica e patrimonial.
Todas as rutas que se van desenvolver contan cun alto valor histórico e paisaxístico, ao tempo que albergan unha fauna e flora sensible ás accións humanas. Así, estableceuse un máximo de 40 participantes por cada xornada.

Co fin de minimizar as emisións contaminantes, tamén se porá en marcha un servizo de autobús, que sairá ás 10:00 horas da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 10:15 do campo da festa de Bugallido e ás 10:30 do Pazo da Peregrina. O regreso terá lugar ás 14:00 horas dende a praia de Tapia, e pasarase ás 14:10 polo Pazo da Peregrina e ás 14:30 polo campo da festa de Bugallido.