Ames, 2 de xaneiro do 2019 – O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de obras, Blas García, remataron o ano reuníndose coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para abordar a posible ampliación da EDAR de Sisalde.
A EDAR de Sisalde presta servizo a Ames e Brión desde o 2001. Está situada ao carón do río Sar, na parroquia de Ortoño e foi deseñada para atender a unha poboación de 10.400 habitantes. No ano 2007 un informe sobre o estado da EDAR de Sisalde dicía que se estaba prestando servizo a uns 18.000 habitantes o que supoña sobrepasar nun 80% á poboación que estaba previsto atender. No ano 2017 un novo informe indica que na actualidade a poboación á que está atendendo esta EDAR é de 23.500 habitantes. No devandito informe recóllese a necesidade urxente de construír unha nova depuradora.
Foi no 2014 cando o departamento de obras de Augas de Galicia informou ao Concello de Ames que se estaba redactando o proxecto construtivo. Posteriormente, o 16 de febreiro de 2015 publicouse no DOG o remate da tramitación do informe de impacto ambiental, e desde esa data non se volveu a ter máis información sobre as tramitacións relativas a este proxecto, nin tampouco se recibiu no Concello de Ames copia do proxecto de ampliación.
O alcalde de Ames, José Miñones, indica que “a disposición da directora de Auga de Galicia foi boa e trasladounos que se van iniciar os trámites para elaborar o proxecto de ampliación da EDAR de Sisalde. Esta obra é moi necesaria porque está depuradora, que atende a usuarios e usuarias dos concellos de Ames e Brión, está moi por encima da súa capacidade, xa que foi creada para atender unha poboación de 10.400 habitantes”.
Ampliación do servizo de abastecemento da ETAP de Lens
Por outra banda, falouse da posible ampliación do servizo de abastecemento da ETAP de Lens. Esta estación potabilizadora, que comezou a funcionar en xuño de 2016, tamén abastece aos concellos de Ames e Brión. Dita ETAP está preparada para atender a unha poboación de 40.000 habitantes, aínda que na actualidade atende a menos de 20.000, xa que no proxecto da mesma non se contemplou a posibilidade de realizar a canalización necesaria para levar auga potable ata O Milladoiro e o seu entorno, o principal núcleo de Ames. Tamén se falou de buscar diferentes vías de financiamento para sufragar a obra de canalización para que esta ETAP poida prestar servizo aos veciños e veciñas do Milladoiro. Dita obra tería un custo próximo ao millón de euros.
Por último, abordouse o proxecto conxunto de saneamento para as parroquias amesás de Piñeiro e Tapia, así como para a parroquia de Troitosende do concello de A Baña. O proxecto desta obra foi redactado por Augas de Galicia. Con este plan de recollida, transporte e tratamento das augas residuais beneficiaranse uns cincocentos veciños e veciñas dos dous municipios. O proxecto percorre as parroquias amesás de Tapia (núcleos de Frenza e Vilouta), Piñeiro (lugares de Rúa, Vilaverde, Fernande, Balindo, Covas e San Mamede) e a bañesa de Troitosende (nos núcleos de Menlle de Arriba, Menlle de Abaixo, Vilela, Quintáns, Troitosende, Portochán e Vilacoba).