Bisbarra, 13 de novembro do 2023 – O BNG e Espazo Común solicitin a convocatoria dun pleno extraordinario no concello de Ames para tratar a marcha dos proxectos financiados con fondos europeos.
Os dous grupos queren saber en que situación se atopan as actuacións vinculadas á DUSI e Impulsa Ames. BNG e Espazo Común queren saber que está pendente, os prazos e as previsións de execución, así como as previsións do goberno municipal para asumir o importe do cofinanciamento non executado a 31 de decembro de 2023.
Os dous grupos mostran a súa preocupación polos proxectos que teñen data límite o 31 de decembro xa que, de non rematarse, poden significar a perda da subvención. Inciden ademais no caso do edificio multiúsos do Milladoiro e o cruce de declaracións entre goberno municipal e empresa “Os enfrontamentos públicos a través da prensa entre o Alcalde e a empresa construtora non axudan en absoluto a encauzar o problema e atopar solucións. É lamentable que o Alcalde dea por perdidos os fondos europeos”.
En palabras de Luísa Feijoo, voceira de ESCO, “Vemos novamente vulnerado o noso dereito constitucional de intervir na xestión dun asunto de vital importancia para o noso concello ao non recibir información de primeira man sobre a situación actual de importantes investimentos DUSI”.
Escarlata Pampín, concelleira do BNG, explica que a necesidade dun pleno extraordinario ven motivada por dous motivos, a falta de respostas claras cando se preguntou en plenos anteriores sobre este tema e a non convocatoria da Comisión Dusi pertinente”.
Explican ademais que o goberno municipal recoñeceu que “posiblemente se perdan algunhas tan importantes como o transporte interno, a SmartCity ou mesmo o centro multifuncional do Milladoiro”.
Tanto desde Ames Espazo Común como dende o BNG, inciden en que “forma parte da nosa labor fiscalizadora poñer o foco nunha perda importante de fondos europeos que podería superar o millón de euros, por non mencionar outras subvencións que ou ben se perderon ou houbo que devolver parte do seu importe pola falta de planificación e xestión dende a chegada do novo goberno municipal en xuño de 2023. Hai innumerables retrasos, proxectos mal presentados, erros nos pregos, ampliacións de prazos”.
A falla de información acerca de cales son as alternativas que baralla o goberno para facer fronte ao remate do centro multifuncional do Milladoiro en caso de que, como todo apunta, non se remate en prazo e se perda a parte cofinanciada por Europa é outro dos motivos que esgrimen Espazo Común e BNG para a necesidade de celebrar este Pleno extraordinario.