A voceira do BNG de Ames, Escarlata Pampín, viaxa a Bruxelas para reunirse coa Comisión de Vivenda do Parlamento Europeo e demandar o dereito a unha vivenda digna, sostíbel e accesíbel para a veciñanza

A vivenda é un dos principais problemas no concello de Ames, principal argumento para que Escarlata Pampín, voceira do BNG no concello, participara no Parlamento Europeo nunhas xornadas nas que se trata a problemática da vivenda organizadas pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda.
Os asistentes nestes encontros europeos salientaron a necesidade de políticas que garantan vivenda digna e accesíbel. Neste sentido, o BNG de Ames presentou unha moción no pleno de maio na que pedía frear o aumento do prezo dos alugueiros e facilitar o acceso social á vivenda.
O PSOE votou en contra e o PP abstívose impedindo deste xeito a iniciativa deseñada para protexer o dereito á vivenda en Ames. Con todo, e como salienta Escarlata Pampín, “o BNG seguirá traballando en todas as institucións para despregar as medidas legalmente previstas para frear o aumento continuado dos prezos de alugueiro, frear a proliferación de vivendas de uso turístico (VUT) no concello e demandar do Goberno Español a cesión por parte da SAREB das vivendas das que é titular en Ames para a súa inclusión nun parque de vivenda social.
Estas xornadas sobre vivenda, nas que participan unha delegación de representantes municipais do BNG, créanse coa finalidade de que as propostas que os nacionalistas están poñendo en marcha en diferentes concellos sexan escoitadas en Europa.
O Parlamento Europeo creou recentemente a Comisión de Vivenda, unha comisión que ten competencias para elaborar un informe final no que se trasladen as problemáticas que se producen nos distintos territorios e estados.
“Queremos que este documento reflicta a realidade galega”, manifesta a eurodeputada do BNG Ana Miranda, ao tempo que defende a necesidade de que Galiza reciba fondos para vivenda no seguinte período orzamentario, “e para iso é preciso recoñecer que este é un dos principais problemas do país”.