O BNG de Ames denuncia que a veciñanza de Lapido pode quedar illada en calquera momento ante unha emerxencia polo abandono da ponte.

Lapido, na parroquia de Ortoño en Ames, vive desde hai tempo co temor de estar illados ante calquera emerxencia que poida xurdir. Hai un punto no camiño de entrada habitual no lugar que se estreita tanto que impide o paso a calquera vehículo de emerxencia.

Carla Vázquez, veciña de Lapido, explica que “É imposible que unha ambulancia ou un camión de bombeiros poida acceder a atender a unha persoa por esta vía, por iso hai anos xuntámonos os veciños e veciñas, recollemos firmas e fixemos unha petición no Concello para que nos habilitaran a ponte como vía excepcional para o paso de vehículos de emerxencia”.
O problema é que actualmente o estado de conservación da ponte é tan deficiente que imposibilita o acceso ás casas dos vehículos necesarios ante unha situación de emerxencia. “Por este motivo dende o BNG de Ames reiteramos a petición, xa feita en xullo, de que se amañe atendendo ás necesidades da veciñanza”, indica a voceira do BNG de Ames, Escarlata Pampín.
