Bisbarra, 13 de decembro do 2023 – O mercado de rúa de Bertamiráns, en Ames, volve desde o vindeiro sábado a súa ubicación tradicional na rúa Ameneiral.
Na actualidade o mercado de Bertamiráns conta con 52 postos. Están pendentes de resposta 24 solicitudes máis para novos postos. Grazas ás obras de humanización na rúa do Ameneiral está previsto que se poidan ir incrementando, de xeito progresivo, a oferta do mercado.
No pasado mes de agosto o Concello de Ames chegaba a un acordo cos comerciantes afectados polas obras que se ían executar na rúa do Ameneiral, que impedían que o mercado se celebrase na localización habitual. Na xuntanza mantida chegábase ao acordo de que a mellor opción para proseguir coa actividade era a Travesía da Peregrina.
Unha vez finalizadas as obras da Améndoa central de Bertamiráns, o mercado de rúa volve dende este sábado, 16 de decembro, a súa localización habitual na rúa do Ameneiral. Cómpre lembrar que as obras da Améndoa central están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e enmárcanse dentro da EDUSI Impulsa Ames.
Debido a que na rúa Entrerríos, lugar onde tamén se instalan postos do mercado de rúa, se están realizando obras de humanización, que neste caso non forman parte da EDUSI Impulsa Ames, algúns dos postos instalaranse na praza do Concello de xeito provisional, ata cando sexa posible volver á rúa Entrerríos.