Bisbarra, 7 de xaneiro do 2024 – A Xunta de Goberno Local de Ames ven de aprobar a licitación das obras de pavimentación de viarios no lugar de Biduído de Arriba, en Ames.

Os traballos en Biduído saen cun orzamento base de 185.104,42 euros e con cargo ao POS+ Adicional 2/2024. Con este mesmo plan a pavimentación de viarios no Castro de Ortoño; a senda dende A Ponte Maceira a Carballo; a mellora da seguridade viaria en Covas; e o proxecto de melloras no edificio da Escola Municipal de Música e de Protección Civil, situado en Aldea Nova.
As actuacións en Biduído contemplan un novo pavimento composto por 15 centímetros de formigón HM-20 con mallazo sobre zahorra para a súa nivelación, previa demolición da superficie de firme existente. En ámbalas marxes disporase dunha franxa de lastra de granito de 35 centímetros de ancho e cortes transversais, tamén de 35 centímetros de ancho.
Para o resto dos viarios prevese, nunha superficie de 860 metros cadrados de vía e 100 metros cadrados de sobreanchos xa existentes, a extensión de 6 centímetros de aglomerado en quente previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Baixo o novo pavimento de formigón prevese a canalización de 320 metros de tubo de polipropileno de 400 mm SN-8 coa instalación de 16 arquetas con sumidoiro, 16 pozos, unha arqueta para colector con reixa e un total de 26 metros de canle de fundición dúctil con reixa clase D400, para a correcta recollida das augas pluviais.
Para a rede de iluminación pública disporase en toda a actuación unha canalización de polipropileno de 90 milímetros de diámetro coas súas correspondentes arquetas.
