Ames, 20 de abril do 2017 – Este martes, 18 de abril, celebrouse un pleno extraordinario para debater a aprobación inicial do orzamento municipal de 2017 do Concello de Ames, que acada os 23.294.000 euros e blinda a partida de servizos sociais incorporando unha partida para a nova renda social municipal.
O presuposto saíu adiante co voto a favor dos nove membros do goberno municipal e dos catros edís do grupo municipal de Ames Novo.
O novo orzamento de Ames recolle con respecto ao presuposto aprobado en 2012 un incremento nas cifras de gastos de 1.745.000 euros (8,10%) e de ingresos de 1.238.000 euros (5,62%).
Destaca a área de servizos sociais que supera os 2.000.000 euros,e inclúe actuacións como a creación dunha renda social municipal, dotando para este ano unha partida de 121.000 euros, e que comezará a aplicarse no momento no que se aprobe unha nova ordenanza. Trátase dunha iniciativa xurdida da negociación entre o equipo de goberno e Ames Novo. Esta área inclúe tamén o incremento en 18.262 horas ao ano do servizo de axuda no fogar, crédito para o alugueiro dunha vivenda social, para persoas e familias en situacións de emerxencia e vítimas de violencia machista, e unha partida de 100.000 euros para o acondicionamento dun local municipal dedicado a vivenda social. Increméntanse as axudas e subvencións creando un crédito de 40.500 euros para as entidades que colaboran na promoción e apoio social, abrindo unha liña nova de subvencións de concorrencia competitiva e refórzase o capítulo de persoal na área de servizos sociais coa contratación dun novo traballador social e a ampliación da xornada da actual educadora familiar.
O orzamento recolle tamén o acordo coas asociacións do rural coas que se adquiriu un compromiso de reinvestimentos para os anos 2017, 2018 e 2019 das contías recadadas a través do proceso de regularización catastral e un crédito para o estudo da municipalización do servizo de saneamento e abastecemento de auga.
Intervención dos voceiros dos grupos municipais da oposición
O primeiro en intervir por parte da oposición foi o concelleiro non adscrito, Javier López, que manifestou “non atopo grandes diferenzas neste orzamento respecto ao borrador do exercicio 2016 que finalmente non se levou adiante. Trátanse dunhas contas continuistas nas que se amosa que este goberno está falto de ideas. Non se aposta polo emprego xa que non existe unha partida específica para este eido. Ames necesita emprego e consolidar os postos xa creados. Ademais, rexeitáronse as propostas que presentei para sufragar o cota de autónomo de aqueles emprendedores que queren implantarse en Ames, o proxecto de redacción da piscina cuberta para O Milladoiro, a mellora e conservación da sinalización da rede viaria municipal, así como o pintado dos pasos de peóns da avenida de Rosalía de Castro do Milladoiro. Tampouco hai nin un só euro neste presuposto para solucionar o problema de tráfico que afecta a localidade do Milladoiro”. Por último, Javier López, indicou que se trata duns “orzamentos dun goberno acomplexado que é incapaz de plantexar tres grandes actuacións estratéxicas para este ano, nada vangardista e que non reflicten a realidade de Ames”.
p voceiro do grupo municipal de Pacto por Ames, Ramón García Argibay dixo que “son uns presupostos que retrotraen Ames ao século XX. O noso concello terá o índice máis baixo de investimento da última década cun descenso do 18% e deixa ao rural na UVI”. Ademais, criticou o incremento no gasto do capítulo de persoal, que se dispara un 11,6%, o gasto de 12.000 euros na contratación dunha asistencia técnica para facer uns presupostos participativos, así como unha partida de 50.000 euros para unha asistencia técnica para o estudo da municipalización do servizo de saneamento e abastecemento de auga. Argibay tamén indicou que “en dous anos foron incapaces de municipalizar ningún servizo e con esta partida de 50.000 euros non van ser capaces de municipalizar o ciclo integral da auga”. Por último, criticou a non apertura dos comedores escolares durante a época de verán, para paliar as necesidades dos nenos máis desfavorecidos, e maila escasa partida dedicada á área de mocidade.
Por outra banda, a voceira do grupo municipal Ames Novo, Pilar Candocia, agradeceu aos técnicos e ao persoal municipal o traballo realizado para a elaboración do devandito documento. Asemade, agradeceulle ao goberno “o cambio de paso realizado e por responder ante as necesidades da veciñanza. Para facer isto é preciso dispor de vontade e xenerosidade. Dende Ames Novo fixemos un exercicio de responsabilidade. Non pode pasar tanto tempo sen aprobar un novo orzamento e levamos co presuposto prorrogado dende o ano 2012. Iso impedía desenvolver novas políticas. Este non é o noso orzamento. Hai moitas cousas que non non faríamos así, pero sempre dixemos que tenderíamos a man para desenvolver unha nova política co fin de recuperar dereitos e servizos para os cidadáns. Cómpre destacar a proposta que fixemos para incluír neste orzamento a renda social municipal, a contratación dunha asistencia técnica para estudar a municipalización do servizo de saneamento e abastecemento de auga, así como a dotación dunha partida para realizar uns orzamentos verdadeiramente participativos de cara o vindeiro exercicio 2018. Por último, para nos tamén era importante que as axudas fosen en concorrencia competitiva e que o diñeiro recadado a través da regularización catastral se investise no rural. Só puxemos como condición que o goberno chegará a un acordo coas asociacións de veciños do rural”.
Finalmente a voceira do grupo municipal popular, Oliva Agra, foi a encargada e pechar a quenda de intervencións e destacou que “estamos ante unha proposta de orzamento na que non contaron cos grupos políticos de centro-dereita, o que manifesta un claro desprezo do Tripartito cara unha boa parte dos veciños e veciñas de Ames. Ademais, son uns orzamentos sectarios porque discriminan sobre todo aos veciños do rural e a determinadas entidades. Trátase duns orzamentos que reparten migallas en lugar de impulsar o rural e maila economía local para facer un gran concello con futuro”. A voceira do Partido Popular tamén dixo que “o rural segue sendo o gran discriminado da esquerda, ao que tan só se lle dedica unha partida de 132.000 euros, para 11 parroquias que hai no noso concello”, e aludiu a que “a suposta blindaxe dos servizos sociais é unha das últimas promesas que venden dende o goberno municipal pero despois non hai nada de nada”.