займ срочно

Ames aproba un orzamento próximo aos 29 millóns de euros

0

Ames, 11 de marzo do 2022 – O concello de Ames aprobou en sesión plenaria, e de xeito inicial, un orzamento para este ano que se aproxima aos 29 millóns de euros.

O orzamento de Ames pasa a exposición no Boletín Oficial da Provincia durante quince días antes de converterse en definitivo. As contas saíron adiante só cos 13 votos do grupo de goberno (Psoe, BNG e Contigo Pódese) xa que Partido Popular e Ciudadanos votaron en contra e Ames Novo abstívose.

Un orzamento social

Desde o goberno municipal de Ames explícase que se trata dun orzamento que aposta polos servizos básicos, a área de maior gasto con 6.335.568,54 euros (22,07%), seguida de educación con 5.242.367,79 euros (18,26%) e servizos sociais e promoción social cun crédito asignado de 2.556.653,37 euros (9%)”.

Investimentos

O capitulo de investimentos supera os seis millóns de euros. Con esta partida o goberno de Ames espera executar no presente exercicio os cartos destinados á EDUSI Impulsa Ames e ao proxecto Ames Progresa. 

Oposición

O concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, dixo que “son  uns orzamentos que teñen continuidade respecto dos de 2021 e polo tanto irreais. Non cremos que sexan uns orzamentos destinados a facilitar a vida da veciñanza do noso concello. Pensamos que son uns orzamentos moi semellantes aos do exercicio pasado e o ano pasado xa dixemos que eran totalmente alleos á veciñanza. Son uns orzamentos que cremos que non teñen en conta a situación económica que se está vivindo na actualidade. Botamos de menos unha política fiscal e de prezos públicos que favoreza á cidadanía, así como políticas de fomento do emprego”.

A voceira do Partido Popular de Ames, Oliva Agra, definiu os orzamentos de 2022 como “electoralistas e sectarios, pensados de cara a galería e non para a veciñanza. Esquécense dos 15.273 veciños e veciñas deste concello que non votaron a ningún partido da esquerda, xa que non tiveron en consideración ningunha das propostas da oposición a excepción das propostas de Ames Novo, por iso digo que son uns orzamentos sectarios da esquerda. Dende o grupo municipal popular presentamos 29 propostas e ningunha se tivo en conta. Pero non só son propostas do PP de Ames, senón que tamén son dos veciños e veciñas de Ames. O non aceptar ningunha das nosas propostas só pode significar que o tripartito de Ames está en contra de aumentar os efectivos da Policía Local, de facer unha reforma integral do paseo fluvial de Bertamiráns, de elaborar un proxecto para unha residencia de maiores para o noso concello, de crear un refuxio de animais, de elaborar un plan de mantemento das beirarrúas, de arranxar os camiños veciñais, etc. En definitiva, estades en contra de gobernar para a veciñanza de Ames”.

O concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, manifestou que “en xeral existe unha concordancia coas grandes liñas programáticas deste orzamento. No proceso de negociación co Goberno municipal fixen dúas suxestións que foron aceptadas. A primeira para realizar un estudo diagnóstico profundo do Milladoiro sobre aspectos socio-económicos e poboacionais, relacionados con aspectos medioambientais e urbanísticos, para ter unha radiografía o máis fiel posible, para que futuros gobernos poidan aplicar políticas de mellora neste núcleo urbano. A segunda é a elaboración dun PERI para mellorar una zona do Milladoiro, que afecta á rúa da Madalena e mailo último tramo da rúa de Estivada de Castelao”.

Agradecemento aos funcionarios

O alcalde de Ames, Blas García, agradeceu o traballo do persoal municipal da área de Servizos Económicos e da concelleira de Economía e Facenda “pola elaboración deste orzamento porque é un traballo pouco visible pero moi importante”. Tamén agradeceu “a implicación de todos os concelleiros e concelleiras do Goberno municipal e dos partidos da oposición”. Ademais, apuntou que “gustaríanos aceptar e incluír todas as propostas que se fixeron, pero non é posible porque incrementaría o orzamento en preto de 4 millóns de euros”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies