Ames, 31 de decembro do 2020 – O Pleno ordinario de decembro en Ames aprobou, inicialmente, a ordenanza reguladora das terrazas.
O regulamento é a normativa relativa á ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostalería con fins non festivos. Unha normativa que afecta non só a restauración y que aprobou se cos votos a favor do grupo de goberno e dos concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos, e a abstención dos concelleiros/as do grupo municipal do PP.
Todos os grupos puxeron de manifesto a amplitude e complexidade de esta normativa. Dende o goberno local destacouse o traballo do servizo de Urbanismo que mantivo diversas conversas coas asociacións afectadas e os grupos políticos municipais. O Texto sufriu unha pequena variación no período de consulta pública e que consiste en que as licencias teñan vixencia coincidindo co ano natural.
Servizo de limpeza e xestión do punto limpo
Cos votos a favor do grupo de goberno e do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, e a abstención dos concelleiros/as do Partido Popular e de Ames Novo, Quique Costas, aprobouse a terceira modificación do contrato asinado con Urbaser SA, para a xestión da limpeza viaria e do punto limpo, e a quinta prórroga do contrato asinado con esta empresa polo prazo de 6 meses.
No Pleno do 29 de setembro de 2016 o Pleno acordou a modificación do sistema de prórrogas do contrato con Urbaser. Deste xeito, acordouse establecer 4 prórrogas polo prazo dun ano. Tendo en conta a última prórroga aprobada no pleno do 22 de novembro de 2019, o contrato estende a súa vixencia ata o 14 de xaneiro de 2021. Agora, aprobouse unha segunda modificación do sistema de prórrogas que pasaría a ser de 6 meses e que supón a terceira modificación do contrato. Deste xeito, aprobouse a quinta prórroga do contrato asinado con Urbaser polo prazo de 6 meses, que íría do 15 de xaneiro de 2021 ata o 14 de xullo de 2021.
Comisión de queixas, suxestións e reclamacións
A Corporación municipal aprobou por unanimidade a creación dunha Comisión especial de queixas, suxestións e reclamacións, tal e como se recolle no Regulamento orgánico municipal de participación cidadá. Dita comisión estará integrada por representes de todos os grupos municipais de forma proporcional a súa presencia no Pleno e co mesmo criterio que as comisións informativas permanentes.
Por outra parte, aprobouse de xeito definitivo a desafectación dun camiño público de 162,82 metros cadrados de superficie situado no lugar de Firmistáns, na parroquia de Bugallido. Asemade, farase a recepción formal de dito camiño desafectado e incorporarase ao inventario municipal de bens do Concello de Ames. O punto saiu adiante cos votos a favor do grupo de goberno e dos concelleiros do grupo mixto, e a abstención dos concelleiros/as do grupo municipal do PP, quen se amosou a favor da desafectación do camiño aínda que manifestou certa problemática coa incorporación ao inventario municipal.
Plan de prevención e defensa contra incendios forestais
Por último, a Corporación municipal aprobou por unanimidade o Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello de Ames, elaborado en coordinación entre os técnicos municipais e polo persoal de Servizos Agrarios Gallegos SA (SEAGA), como resultado da adhesión do Concello de Ames ao convenio de colaboración subscrito entre a Xuta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA en materia de prevención e defensa contra incendios forestais. Con anterioridade xa existía un Plan de prevención e defensa elaborado no ano 2009 ao abeiro do convenio de colaboración coa Consellería do medio Rural. Unha vez finalizada a tramitación foi informado favorablemente pola Dirección Xeral de defensa do monte da Xunta de Galicia.