Bisbarra, 4 de abril do 2024 – Duro comunicado das Asociacións de Nais e Pais, ANPAS, de Ames contra o decreto que regula as prazas nos comedores escolares municipais.
As ANPAS de As Brañas, Agro do Muíño, EEI Milladoiro, CEIP A Maía, IES de Ames e da EIM A Madalena asinan o escrito o que da idea do malestar dos pais. O comunicado di que o decreto que regula os servizos complementarios de educación para o vindeiro curso é unha proba do “total desinterese por manter unha boa comunicación coas ANPAs” por parte do Concello.
O escrito vai máis alá e cualifica ao decreto como un “desprezo polas necesidades das familias que precisan estes servizos, toda vez que se publicou sen ter en conta a opinión das asociacións representativas das comunidades de nais e pais dos centros escolares do municipio”.
Número de prazas
As ANPAS de Ames mostran a súa preocupación polo número de prazas nos comedores municipais. Destacan “o escaso número de prazas de nova inscrición asignadas á EEI Milladoiro, a cal absorbe todo o alumnado que comeza en 4º de Educación Infantil”.
Do mesmo xeito, observan “as elevadas asignacións de prazas reservadas a emerxencias sociais, que suben das 8 do curso actual ás 10, ou, no caso do CEP Ventín, disparándose ata as 20. Cómpre lembrar que este tipo de prazas quedan bloqueadas todo o curso, polo que é importante facer unha boa estimación das mesmas”.
As ANPAS lembran ademais que non se lles informou en ningún momento sobre “os criterios que se utilizaron para establecer os máximos de prazas”.
Falta de Transparencia
Os representantes dos pais explican que non teñen o número de matrículas e renovacións para o vindeiro curso, uns datos que esperan que se tiveran en conta a hora de redactar o decreto. Critican que o documento fora publicado na web “sen poñelo en coñecemento das familias, o que denota unha falta de transparencia” do Concello, representado no seu alcalde, Blas García”.
As ANPAs indican que “non se tivo en conta a opinión das familias na redacción do decreto”, cando existen órganos establecidos para canalizar a participación cidadá, como é o caso do Consello Sectorial de Educación. Por iso, afean ao rexedor que “antes de publicar este tipo de decretos, o Concello debería ter convocado primeiro o Consello Sectorial de Educación e escoitar as opinións que alí se expresen. Alomenos, desta maneira, permitirásenos a toda a comunidade educativa poder valorar a obxectividade dos criterios utilizados na elaboración do mesmo”, conclúen.
Reclamacións
Por todo o anterior, desde as ANPAs de Ames reclaman ao Concello que publique:
O número de prazas de nova inscrición recibidas por cada centro escolar
O número de prazas ocupadas actualmente para emerxencia social en cada centro
O criterio utilizado para establecer o máximo de prazas dispoñibles en cada centro
O número de solicitudes que quedarían fóra por servizo e centro
O número de solicitudes rexistradas en Conciliames e que na web se lembra a necesidade de presentar por rexistro o documento de presentación descargado, algo que levan tempo pedindo.
Igualmente, a comunidade de familias dos centros escolares de Ames reclama ao alcalde que “se convoque o Consello Sectorial de Educación á maior brevidade posible”, dada a importancia desta cuestión”.