Bisbarra, 17 de xuño do 2024 – A ANPA A Maía e a dirección do CEIP A Maía culminaron onte a instalación dun desfibrilador no exterior do comedor, localizado nas instalacións educativas.

Un desfibrilador que converte ao CEIP A Maía nunha zona cardioprotexida. A presidenta da Asociación, Elena Pérez, amosou a súa satisfacción por “ter materializado unha iniciativa que se iniciou na pandemia, ao abeiro do Proxecto Salvavidas”.
Neste senso, agradeceu a toda a comunidade educativa “a súa colaboración e participación na venda de pulseiras que posteriormente se trocaron por un Desfibrilador Externo Automático (DEA). “Sen a súa implicación, isto non sería posible”, conclúe.
Coa instalación deste DEA, “contribuímos a crear un espazo cardioprotexido, nunha zona pola que transcorren a diario arredor de 1.500 crianzas tanto do CEIP A Maía, como do IES de Ames e da Escola Infantil Municipal O Bosque”.
Desde a dirección do centro tamén amosaron a súa satisfacción por contar con este servizo e así o transmitiron na estrea do mesmo. Nela, participaron, xunto con Elena Pérez, a directora do CEIP a mAÍA, Isabel Abelleira; a xefa de estudos, Inmaculada Rodríguez, e o secretario do centro, Francisco López.
Formación a profesorado
Ademais da propia instalación do DEA, tamén se levou a cabo unha xornada de formación específica dirixida ao profesorado. Este seminario levouse a cabo a finais do pasado mes de xaneiro e contou coa asistencia de 35 profesores e profesoras.

Tres doutoras que forman parte da comunidade educativa amesá foron as encargadas de aprender ás persoas asistentes o funcionamento do desfibrilador para poder actuar en caso de que se dea algunha situación que así o requira.
Actividades de final de curso
Por outra banda, a ANPA do CEIP A Maía está a ultimar os preparativos para a celebración de dúas actividades con motivo do final de curso escolar. Estas terán lugar a finais de esta semana.
A primeira delas será a celebración do acto de gradación do alumnado de 6º de Educación Primaria. Terá lugar o vindeiro xoves 20 de xuño ás 17.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns.
Desde a ANPA organízase unha cerimonia na que un total de 84 alumnas e alumnos do centro recibirán cadanseu diploma e un agasallo conmemorativo de ter completado esta etapa escolar.
Xa para o venres 21 de xuño, a ANPA do CEIP A Maía organiza, un ano máis, a Festa de Fin de Curso. Unha celebración que terá lugar no recinto do Pazo da Peregrina e que contará, entre outras propostas, con 3 inchables, obradoiros de diferente tipo, merenda e unha actuación con maxia de música a cargo do Mago Charly Brown.

Desde a ANPA do CEIP A Maía convidan a toda a comunidade educativa a acudir a esta celebración. Ademais, como novidade e coa fin de contribuír á redución de residuos, “contarase con vasos con cordel reutilizables, que se poderán levar as familias cunha fianza de 1 €, que se lle entregará cando nos dean os vasos de volta”.