Bisbarra, 6 de febreiro do 2025- O concello de Ames e Augas de Galicia traballan no proxecto de ampliación da estación depuradora de augas residuais, EDAR, de Sisalde.

O alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, mantiveron unha xuntanza co director de Augas de Galicia, Roi Fernández, para revisar o avance dos compromisos adquiridos pola Xunta na reunión do pasado setembro.
O director de Augas de Galicia, Roi Fernández confirmou que xa está a traballar no prego de licitación do proxecto da nova depuradora de Sisalde. Un estudo integral que inclúe un plan de saneamento local que analice en detalle as necesidades de Ames e permita un deseño máis eficiente na depuradora a proxectar.
Pola súa parte, o alcalde avanzou que dende o Concello de Ames iniciaríase o proceso de negociación para que o Goberno de España declare de interese xeral do Estado esta actuación, anunciando que elevará ao pleno municipal unha moción que inste á administración estatal a facelo.
Tamén se trasladou a necesidade de abordar a posta en marcha dunha rede de saneamento nos dous únicos núcleos de Ames que aínda carecen del, Piñeiro e Tapia.

Dende Augas lembrouse a existencia dunha liña de axudas na Xunta de Galicia para a autodepuración que sairá proximamente e mobilizará 1,3 millóns de euros para pequenos núcleos e familias, opción que Ames estudará.
Por outra banda Ames abriu a porta a colaborar nun futuro con Augas coa posta en marcha de Ames Digital Water, proxecto dotado cun PERTE de 1.131.309€ polo Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para a mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga.
A dixitalización das infraestruturas hidráulicas do municipio proporcionará unha gran cantidade de información que dende o Concello de Ames se poñerá a disposición da administración que o requira.