Ames, 30 de setembro do 2021 – Ames opta a crear unha aldea modelo, na parroquia de Agrón, ao abeiro da lei da recuperación da terra agraria de Galicia.
O subdirector de Mobilidade de Terras e técnicos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantiveron un encontro cos veciños para explicar o modelo. Segundo a solicitude do Concello, a aldea modelo de Ferreiros abranguería unha superficie de 10 hectáreas distribuídas en 128 parcelas de 52 propietarios
A xuntanza buscaba informar a estes titulares das posibilidades de dinamización social e económica que ofrece este instrumento voluntario de recuperación, antes de recoller as sinaturas requiridas para súa posta en marcha
Na xuntanza, o subdirector de mobilidade, Alejandro Sánchez de Dios, lembrou que as aldeas modelo son un dos principais instrumentos contemplados na nova norma para recuperar, neste caso, contornas de núcleos de poboación. Xunto cos polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta, trátase dunha ferramenta concibida para crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte ao lume.
Tras o encontro informativo, agora procederase á recollida de sinaturas requirida para a posta en marcha desta aldea modelo de Ferreiros, en Ames. Ao tratarse dun instrumento voluntario, seguirá adiante se conta co apoio dun grupo de propietarios que posúan en conxunto, cando menos, o 70 % do perímetro afectado. De aprobarse, seguidamente procederase á roza e limpeza da contorna da parroquia para proceder posteriormente á posta en marcha da actividade ou actividades económicas que se consideren máis axeitadas para a zona co obxectivo de recuperar e dinamizar o territorio.