Bisbarra, 4 de xaneiro do 2024 – A Xunta de Goberno Local de Ames adxudicou a pavimentación dos viarios de Framil por un importe de 346.420 euros.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2017/02/Concello-de-Ames-DSC_0186-slide_r-1.jpg)
Unhas obras que forman parte do plan POS+2023 da Deputación da Coruña. O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “coa adxudicación desta obra en Framil seguimos avanzando coas actuacións do POS+ 2023 e continuamos cos arranxos dos interiores de núcleos do rural”.
O concelleiro sinala tamén que “deste xeito, aseguramos que as vías e os interiores dos núcleos estean correctamente acondicionados e que se mellore a súa funcionalidade e seguridade, tanto nas zonas urbanas como no rural”.
Para os viarios do núcleo proxéctase a construción dun novo pavimento, composto por 15 centímetros de formigón con mallazo sobre 10 centímetros de zahorra, previa demolición do firme existente. Ademais, disporase, en ambas as dúas marxes, dunha franxa de lastra de granito, de 35 centímetros de ancho e cortes transversais.
Para o viario de acceso a Framil, de 110 metros de lonxitude e 3,20 metros de ancho, así como un abanico de 50 metros cadrados, preténdese mellorar a capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma. Previamente, repararanse as fochancas e perfilaranse as mordentes con 10 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Ao longo do viario executarase unha cuneta transitable cun ancho de 1,50 metros. Para iso, empregarase pavimento de formigón con mallazo de 15 centímetros de espesor sobre 20 centímetros de zahorra.
A rede de recollida de augas pluviais realizarase mediante canalización de PP de 400 milímetros de diámetro. Na cuneta transitable disporanse arquetas con sumidoiro, e, no núcleo, canles de función dúctil con reixa a todo o ancho do viario e pozos de rexistro.
Para a rede de alumeado público disporase en toda a actuación unha canalización de polipropileno de 90 milímetros de diámetro e arquetas prefabricadas. No núcleo empregarase un muro de perpiaños de pedra granítica de 20 metros de lonxitude como barreira de protección fronte á diferenza de cotas co terreo contiguo á estrada. Finalmente, contémplase a apertura de gabias e a limpeza de salvagabias para o correcto drenaxe no viario de acceso, así como a colocación dunha sinal de stop.