Bisbarra, 15 de marzo do 2024 – Ames adxudica por segunda vez a pavimentación da estrada de Eirapedriña, na parroquia de Biduido, por un importe de 157.300 euros.
Esta estrada de Ames xa fora adxudicada á empresa Vías e Servicios Compostela SL que nunca executou as obras. O pasado mes de outubro a Xunta de Goberno Local resolvía o contrato e iniciaba ademais un expediente de prohibición á empresa pola resolución culpable do contrato.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “coa adxudicación desta obra en Eirapedriña continuamos cos arranxos dos interiores de núcleos do rural. Esta obra súmase á de pavimentación de viarios no núcleo de Mourigade, que se atopa en proceso de licitación. O concelleiro sinala tamén que “deste xeito, aseguramos que as vías e os interiores dos núcleos estean correctamente acondicionados e que se mellore a súa funcionalidade e seguridade, tanto nas zonas urbanas como no rural”.
Características do proxecto
A actuación inclúe reformas en 1.700 metros de estrada, dende o acceso a Framán ata o límite co concello de Brión. Na estrada principal, e ao longo dun treito de 950 metros ata o linde con Brión, procederase á mellora da pavimentación, cunha nova capa de asfalto e coa reparación de fochancas con grava e tratamento asfáltico. Nun tramo de 125 metros tamén se ampliará a estrada cun ancho medio de un metro.
No extremo norte deste viario executarase unha senda peonil de 280 metros de lonxitude e 2,3 metros de anchura, construída con saburra e pavimento de formigón. Para a contención da senda será preciso construír un muro de pedra granítica nun treito de 90 metros, que disporá dunha varanda metálica para a seguridade peonil. A drenaxe da plataforma de formigón levarase a cabo coa canalización e instalación de arquetas con sumidoiros e colectores con reixa.
Pola súa banda, na zona sur da actuación, na maior parte dun treito de 750 metros no ramal de acceso ao lugar de Framán, realizarase unha nova mellora de capa de rodaxe, desta vez estendendo o selado e o tratamento asfáltico superficial a toda a plataforma, previa reparación de fochancas.
Nesta mesma zona, nos primeiros 80 metros dende o cruce coa estrada de Eirapedriña, ademais destas actuacións ampliarase o ancho da plataforma en 50 centímetros a cada marxe, cun paquete de firme composto por capas de saburra, grava, e tratamento asfáltico semiprofundo, superficial e de selado. Esta mesma combinación empregarase para acondicionar a parte final do acceso a Framán, que na actualidade conta cun pavimento granular.
Para rematar as obras, procederase á correspondente sinalización horizontal e vertical, á limpeza das gabias existentes, co fin de garantir a correcta drenaxe do viario, e á reposición de catro postes de formigón con luminaria.