Bisbarra, 10 de outubro do 2023 – O concello de Ames ven de adxudicar, en xunta de goberno local, proxectos de melloras e asfaltados que se aproximan aos novecentos mil euros de investimento.

Trátanse de cinco proxectos de asfaltado en estradas do rural, Milladoiro e Bertamiráns por un importe total de 865.874,05 euros.
No Milladoiro executaranse obras de pavimentación na rúa Agro do Medio, rúa do Rego e na rúa de Abaixo por un importe de 197.161,73 euros. O proxecto, que forma parte do POS+ 2022, contempla a mellora da capa de rodaxe das tres rúas, e súmase a outras actuacións similares aprobadas recentemente para mellorar a pavimentación da avenida Muíño Vello. Estas actuacións permitirán mellorar a súa seguridade viaria de ditas rúas.

Tamén no Milladoiro vaise a mellorar a eficiencia enerxética na iluminación pública do parque empresarial Novo Milladoiro cun investimento de 41.745 euros. O Concello de Ames dispón para este proxecto dunha axuda económica da Consellería de Economía, Industria e Innovación, da Xunta de Galicia, destinada a sufragar a habilitación e mellora dos polígonos empresariais da comunidade.
En Bertamiráns, actuarase nas rúas Rosaleda e Muíño e na travesía de Paraxó. Os traballos foron adxudicados por un importe total de 154.083,86 euros, incluídos no POS+2022. As actuacións contempladas servirán para a mellora funcional das estradas e para o incremento da seguridade viaria nestas tres rúas do núcleo urbano.
Actuacións no rural
A Xunta de Goberno Local tamén vén de adxudicar as obras de asfaltadoda estrada de Castiñeiro do Lobo, na parroquia de Ames, por 233.117,16 euros. O proxecto, que forma parte do POS+ 2022, contempla o acondicionamento ao longo de 830 metros, co fin de mellorar a funcionalidade e a seguridade da vía.

Outro dos proxectos que foron recentemente adxudicados foi o das obras de pavimentación da estrada de A Garea e interiores, na parroquia de Agrón, e tamén está incluído no POS+2022. O proxecto foi adxudicado por 239.766,30 euros, e ten como obxectivo o acondicionamento das vías co fin de incrementar a súa funcionalidade e a seguridade viaria.
O alcalde de Ames, Blas García destaca que “continuamos traballando para mellorar as infraestruturas do Milladoiro e Bertamiráns, pero tamén prestamos especial atención ás vías e camiños dos núcleos rurais para mellorar o seu estado e mellorara a seguridade viaria”. O edil responsable do departamento de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, sinala que “seguimos adxudicando obras, neste caso catro proxectos que se sufragan con fondos do POS+2022 da Deputación da Coruña. Neste caso renóvanse viarios de Castiñeiro do Lobo e de A Garea, pero tamén se mellora a pavimentación de rúas do Milladoiro e de Bertamiráns”.
