Ames, 27 de agosto do 2020 – A Xunta de Goberno Local de Ames vén de aprobar a adxudicación dos proxectos de mellora de camiños en Raíces e a comunicación de este con Tarrío.
O investimento supera os cento trinta mil euros e está incluído no Pos adicional 2019 da Deputación da Coruña. Ademais das melloras de estes camiños no Pos inclúense 7 proxectos máis nas parroquias de Ortoño, Biduído, Covas, A Ameixenda e Bugallido, así como na localidade do Milladoiro.
Obras en Raíces (Biduido)
O proxecto de pavimentación dos viarios interiores do núcleo de Raíces mellorará a capa de rodaxe de catro viarios de 80×4,00; 120×8,00; 700×5,00 e 400×5,00 metros, con seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Tamén executaranse 120 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará tubaxe de PVC de 315 milímetros de diámetro e 5 arquetas con sumidoiro, para recollida de augas pluviais. Completan a obra a limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal e unha partida para adaptación de pozos e arquetas á nova rasante.
Mellora do camiño que vai de Tarrío a Raíces
O segundo proxecto pavimentará o camiño que une os lugares de Tarrío (Bugallido) e Raíces (Biduído). Neste caso actuarase nunha lonxitude total de 835 metros divididos en cinco treitos. Mellorarase a capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo ao igual que a obra anterior.
Tamén se pavimentará un sobreancho de 30×20,00 metros, con dez centímetros de grava, previo acondicionamento, nivelación e rasanteo da explanación. Contémplase a obra coa execución de 286 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará tubaxe de PVC de 315 mm. de diámetro e executaranse 7 arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais, previa escavación de zanxa e posterior recheo compactado da mesma.
