Ames, 9 de marzo do 2019 – O Club de ciclismo Os Esfola Arrós e o Concello de Ames organizan, por cuarto ano consecutivo, unha das probas do circuíto Transgalaica da modalidade de ciclismo de montaña XC-maratón.
Este domingo o municipio acollerá a segunda proba do circuíto Transgalaica 2019, que partirá do Pazo da Peregrina ás 9.30h e percorrerá distintos puntos da xeografía do concello. Na proba participarán un total de 426 persoas, das que 408 están inscritas na competición e 18 farano como cicloturistas.
Os participantes teñen dúas opcións para participar. As persoas que compiten terán que dar dúas voltas ao circuíto de 33 quilómetros, completando un total de 66 km, mentres que os ciclistas inscritos na modalidade de cicloturistas, tan so terán que dar unha volta ao circuíto. O percorrido da proba discorrerá por Covas, Ventosa, monte de San Marcos, pasará ao carón do rego de Riamonte, subirá ata o alto de Liñaredo, continuará pola praia fluvial de Tapia e pola estrada que vai Seares de Arriba a Lens, pasando pola baixada de Pegariños, Caroubáns, ata que chegue de novo ao Pazo da Peregrina. Poderán participar todos os corredores inscritos con licenza en vigor da tempada 2019 e aqueles que tramiten licenza de 1 día.
No tocante ás categorías que poderán participar, estas serán a masculina absoluta, que engloba as subcategorías júnior, S23, elite, M30, M40, M50, M60; a feminina absoluta, que á súa vez estará formada polas participantes júnior, S23, elite e máster; e a Open, na que entrarán cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día.
A proba comeza ás 9:30 horas
O inicio da proba está programado para as 9.30 horas. Un cuarto de hora antes configurarase a grella de saída. A orde de saída estará determinada nos seus 100 primeiros postos polas 100 primeiras posicións da clasificación xeral absoluta da Transgalaica.
A organización resérvase ademais 10 dorsais de libre designación. O resto de ciclistas colocarase por orde de inscrición. Estableceranse as clasificacións individuais masculina, feminina e clasificación por equipos. Para a clasificación xeral individual puntuarán as 75 primeiras persoas da clasificacións absoluta de cada proba. A entrega de trofeos realizarase aproximadamente ás 13:30 horas.
Por motivos loxísticos e de seguridade establécese un control de paso no quilómetro 32 da proba. Os participantes que non pasen por el antes de 2h15′ deberán retirarse clasificando co tempo marcado nese punto. A primeira proba da Transgalaica 2019 tivo lugar o pasado 24 de febreiro nos concellos de Cerdedo e Cotobade. A segunda proba do circuíto é a que se desenvolve en Ames. As tres probas restantes desenvolveranse na Estrada, Vigo, e por primeira vez este ano, en Silleda.