займ срочно

Abril de cine en Ames

0

Bisbarra, 28 de marzo do 2023 – O Departamento de Cultura do concello de Ames presentou a pasada semana a programación de Abril de cine, un ciclo de proxeccións de cinema galego.

En Abril de cine proxectaranse O corpo aberto, Matria e As Bestas; a web serie Pringadas; as curtas La entrega e Solpor e o documental Fontán. O primeiro rostro de Galicia. Todas as proxeccións terán lugar na Casa da Cultura do Milladoiro.

A presentación do ciclo contou coa presenza da concelleira de Cultura, Natividade González, e a técnica do departamento, María Vázquez.  A concelleira sinalou que “en Ames contamos con numerosos espectáculos de distintas artes escénicas, como teatro ou danza, que son moi recoñecidos. No ámbito do cine tamén puxemos en marcha a iniciativa de Cinema Miúdo, outra cita audiovisual dirixida aos máis cativos, na que tan só na pasada edición se proxectaron máis de cincuenta curtametraxes, logrando un récord de asistencia. Faltaba traer o sétimo arte para público adulto a estes escenarios”.

Natividade González puxo tamén valor as recentes reformas que se levaron a cabo no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, e indicou que “adecuouse o espazo e realizáronse reformas moi necesarias”. Pola súa banda, María Vázquez, técnica de Cultura, engadiu que “o acondicionamento desta sala é o motivo polo que todas as proxeccións se realizarán aquí. Fíxose un investimento de 57.000 euros, cunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais. Puxemos unha pantalla de grandes dimensións e un proxector de alta calidade. Poñer en valor o audiovisual e a cultura é unha aposta desta concellaría”.

Este novo ciclo do Abril de Cine comezará o vindeiro martes 4 de abril, ás 20:00 horas, coa película O corpo aberto, nomeada a 19 Premios Goya e gañadora de 12 galardóns nos Mestre Mateo (entre eles, mellor longametraxe, mellor dirección e mellor guión). Nela nárrase a historia de Miguel, un profesor destinado a un pobo na fronteira entre España e Portugal que deberá adaptarse a un territorio pouco hospitalario e habitado por persoas ásperas e de tradicións remotas, ao tempo que se comeza a interesar por unha veciña da localidade, a enigmática Dorinda.

A seguinte sesión terá lugar o 11 de abril, ás 20:00 horas. Emitirase o filme Matria, un drama social que mostra a vida dunha muller de mediana idade sumida nun contexto laboral e persoal moi precario. A galega María Vázquez, que encarna á protagonista da historia, recibiu recentemente no Festival de Málaga a Biznaga de Prata á Mellor Actriz.

A web serie Pringadas proxectarase o sábado 15 de abril ás 20:00 horas. A peza, creada co obxectivo de proporcionar contidos en galego para a xeración Z. En Pringadas, Xoana, Antía e Catu, tres universitarias, amigas e compañeiras de piso, exploran temas como o amor, a rotura coas amizades ou as enfermidades de transmisión sexual.

A última das sesións de longametraxes do Abril de Cine desenvolverase o 18 de abril, tamén ás 20:00 horas. Proxectarase As bestas, a gran triunfadora dos Premios Goya deste 2023 (levou, entre outros, os galardóns a mellor película, mellor dirección ou mellor guión orixinal). O filme baséase en feitos reais, e conta como a chegada dunha parella francesa a unha case deshabitada aldea inicia unha disputa veciñal que remata en traxedia.

O programa pecharase coas curtas La entrega e Solpor, que se emitirán o 25 de abril. A primeira narra a historia dun ancián cuxo único contacto co exterior é a través dun rider que lle entrega os pedidos xestionados polo seu fillo dende o estranxeiro. O seu director, o amesán Pedro Díaz, participará nun coloquio cos asistentes ao rematar a proxección. Solpor, pola súa banda, fai un repaso pola vida dun home que, tras perder o seu traballo e distanciarse da familia, comeza a carecer de recursos e debe restablecer o control da súa vida.

Ademais, o 20 de abril o alumnado dos IES de Ames terá a oportunidade de asistir á proxección do documental Fontán. O primeiro rostro de Galicia. A través del poderán coñecer ao traxecto vital de Domingo Fontán, considerado a primeira persoa que recorreu Galicia a pé.

Mellora das infraestruturas do auditorio da Casa da Cultura

Todas as proxeccións terán lugar no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, cuxas infraestruturas foron melloradas recentemente a través dun proxecto de instalación, modernización e xestión sostible cofinanciado con axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais para a concesión de subvencións á modernización e xestión sostible das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao amparo dos fondos NextGenerationEU e mecanismos de recuperación e resiliencia do regulamento (Unión Europea), número 2041/241, convocados para o ano 2022. A axuda concedida ascendeu a 29.646,08 euros. O importe restante, de 27.355,81 euros, foi sufragado polo Concello de Ames. En total, o orzamento destinado a estas melloras foi de 57.001,89 euros (IVE incluído).

Os traballos realizados consistiron na mellora do equipamento do sistema de iluminación coa instalación de novo focos led; mellora do equipamento de vídeo cun novo proxector; instalación dunha nova estrutura metálica (truss) e dunha nova pantalla no escenario; e dun novo sistema de conexión entre cabina e escenario (instalouse unha matriz central en cabina para conectar vídeo e audio co escenario).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies