Ames, 23 de febreiro do 2019 – O Concello de Ames inaugura hoxe sábado a nova área de autocaravanas do Milladoiro coa presenza de máis de 100 membros da Asociación Galega de Autocaravanas – A.G.A. Ao acto asistirán tamén o alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González.
A nova zona está situada na Rúa Buxo, fronte á escola infantil. Este novo espazo ofrece maior capacidade que a antiga área de autocaravanas, situada no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro, así como unha zona de estacionamento reservada e tomas de auga e espazos habilitados para o baleirado de augas fecais.
Con motivo deste acto a AGA, en colaboración co Concello, organizará ao longo da fin de semana varias actividades, como unha comida de convivencia o sábado ou unha etapa do Camiño de Santiago o domingo ás 9.30h, cun percorrido de 6,2 quilómetros e unha duración aproximada de dúas horas. Ao finalizar, un autobús levará aos participantes de regreso á área de autocaravanas do Milladoiro. Xa pola tarde, inaugurarase unha área privada na estación de servizos Galp en Bertamiráns. Pode obterse máis información na páxina web http://www.aga.gal.
Ames, primeiro concello galego con dúas áreas de autocaravanas
Ames foi o segundo concello galego, despois de Tui, en crear as súas áreas de autocaravanas, e o primeiro en toda Galicia en dispor de dous espazos destinados a estes vehículos. Ditas áreas foron creadas no ano 2004. A do Milladoiro á que se traslada agora para dotala de máis espazo e mellores servizos. Por outra banda continuase buscando unha nova ubicación para ampliar tamén a de Bertamiráns situada polo momento no aparcamento da rúa Pesqueiras, que está en fronte ao supermercado Carrefour.