Brión, 17 de outubro do 2018 – A redución de profesorado no IES de Brión levou a suspensión de optativas que agora veñen de ser premiadas co “Desafío programación”, un galardón de innovación educativa.
“Desafíos STEM: programación, robótica e impresión 3D” da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é un programa que incentiva a investigación do alumnado en estas materias. Os rapaces do IES de Brión xa gañaron en xuño un premio polo seu traballo e agora confirman o interés do proxecto con este novo galardón. A súa intención de seguir este curso coa investigación, iniciada en primeiro de ESO, queda truncado pola falta de persoal que motivou o peche dos pais hai un mes.
O proxecto premiado, denominado “BrionXbot”, é un robot deseñado, fabricado, controlado e programado integramente polo alumnado do centro brionés, que se inspirou nas esculturas cinéticas do artista neerlandés Theo Jansen. BrionXbot é un autómata de seis patas distribuídas en dous trens situados nos costados dun corpo central ou chasis. Cada tren está formado por tres articulacións montadas sobre un cegoñal e ancoradas nun eixe fixo. A rotación do motor move estes mecanismos de tal xeito que os extremos das patas describen unha traxectoria cíclica de avance. “BrionXbot” está dotado de diversos sensores que permiten recompilar datos sobre distancias, temperatura, humidade e luminosidade. Grazas á incorporación de Bluetooth e a unha pantalla LCD é posible monitorizar os datos obtidos a través dun smartphone ou directamente no robot. Tamén se poden controlar os movementos do robot de xeito remoto dende un teléfono móbil.
Este proxecto xa fora distinguido o pasado mes de xuño co primeiro premio do concurso “Sensores 2018”, convocado por IGACIENCIA. A iniciativa foi desenvolvida como proxecto interdisciplinario dos departamentos de Tecnoloxía e Debuxo no último trimestre do curso 2017/2018 e contou co soporte do Laboratorio de Formas Procesos e Materiais do IES de Brión. Os autores do mesmo son: Diego Baleirón Pais, Diego Basante Magariños, Noelia Canda Pazos, Antón Carcedo Martínez, Verónica Godoy Antelo, David Gualillo Lago, Alberte Xosé López Freire, Ainhoa Pérez Raña, Aarón Peula Velarde, Sara Picos Gómez, Alejandro Quintana Cid, Carlos Ruiz Abete, Carla Villar Cobas e Fátima Viqueira Barca.

