Compostela, 20 de agosto de 2018 – Nova xornada no Feito a Man con algo de jazz e bastante de soul que irá da Virxe da Cerca ata San Paio de Antealtares.
A primeira cita será as oito no xardín do Pub Momo, na Virxe da Cerca. Alfredo García Quinteto presentarannos no Feito a Man o seu novo traballo ‘Blue Line’. O presente proxecto foi unha evolución da anterior formación, Alfredo García Quartet, que cultivou éxitos nos festivais de jazz galegos e galardóns como o Primeiro Premio no Concurso de Maquetas Jazz Fusión organizado por FNAC. No devandito concurso atopábase como xurado Paquito de Rivera e Juan Claudio Cifuentes. Tras a maqueta o proxecto converteuse no álbum ‘Riding into a new path’.
Na actualidade Alfredo García está inmerso na presentación do seu segundo álbum como líder: ‘Blue line’. Este proxecto do mesmo xeito que o primeiro está fundamentado en temas orixinais, fóra dun par de versións con innovadores arranxos en sintonía coa estética musical da formación. A música do grupo, enraizada no jazz, aproveita o mellor doutros estilos (funk, rock e world music).
San Paio de Antealtares será o escenario do festival a partir das dez. Suelen Estar & the Soul Machín lanzan sobre as cordas músicas que non adoitan estar alí para, nesa estrañeza, conferir nova vida a cancións de diversas procedencias e estilos. Contrabaixo, violonchelo, dous violíns, batería e voz, xuntos para xogar e viaxar entre linguaxes musicais e descubrir a que sona James Brown nun inédito formato sonoro que o achega a Antonio Machín.