O Pino, 28/05/2026 – O BNG do Pino esixe ao goberno municipal do Pino que inicie actuacións urxentes para poñer freo ao gravísimo deterioro da Ponte das Canizas, cos piares especialmente afectados. O portavoz, Xosé Luís Vidal Brocos, alertou do perigo que pode supor o derrube desta instalación xa que a ponte é un dos puntos que atravesan rutas de sendeirismo da comarca.
A ruta circular de sendeirismo Ponte das Canizas-Ponte de Carolo ten no seu traxecto algúns puntos que supoñen un perigo para as persoas que camiñen por ela, en especial, no tramo que atravesa a primeira ponte que se atopa nun avanzado estado de deterioro ao que o BNG quere poñer fin para eliminar o perigo que supón para quen camiña por ela.

“A ponte está a punto de caer e, ademais das perdas materiais, pode producirse unha desgraza xa que cada día son moitas as persoas as que a atravesan”, sinala o portavoz municipal, Xosé Luís Vidal Brocos. O BNG levará o tema ao pleno, como xa fixeron no anterior mandato para conseguir mobilizar o goberno municipal co compromiso de arranxar os desperfectos.
O BNG lamenta a falta de compromiso e parálise do alcalde que, desta volta, respondeu que ía poñer en común a cuestión co alcalde de Oroso para pedir axuda conxunta á Xunta cando se trata dunha ponte situada na súa totalidade en terreo do concello do Pino.
Malia esta situación extrema, o goberno municipal do Pino desoíu ao BNG que xa levou durante o anterior mandato unha protesta ao pleno do concello. “Desde entón, non se fixo ningún traballo de reparación, e o risco seguiu a aumentar. Máis aínda, tendo en conta a subida do río en invernos moi húmidos como o que acabamos de vivir”, sinalan desde o BNG que seguirá insistino até poñer fin a un problema que pode ter consecuencias se non se actúa con eficacia e se recupera a infraestrutura que está na actualidade nun pésimo estado.

