A vitoria por maioría absoluta de Alex Doval en Oroso foi unha das sorpresas das pasadas eleccións municipais de maio. A sensación xeral era que o Psoe gobernaría en maioría ou co apoio do BNG, como fixera en este pasado mandato.
Os sete concelleiros conseguidos polo Partido Popular era unha posibilidade remota mesmo para eles. Doval si esperaba unha suba en votos e a posibilidade de que Oroso Renovable conseguira un concelleiro, que os convertera en chave da gobernabilidade, tamén estaba aí.
Alex Doval recupera a alcaldía para o Partido Popular 21 anos despois de que unha moción de censura aparta a Eugenio Neira do cargo de rexedor. O novo alcalde di sentir unha combinación de responsabilidade e orgullo pola maioría alcanzada; recoñece que tiña a sensación de que serían a forza máis votada pero iso non era suficiente polo que considera a absoluta un regalo.
Oroso foi un dos concellos con máis crecemento nas últimas décadas. Alex Doval recoñece a importancia de ese crecemento e considera que, ante o estancamento dos últimos anos, o seguinte paso é unha reforma do Plan Xeral que reactive de novo a chegada de veciños.
Preguntamos polo traspaso de poderes e a situación na que se atopa o concello. A imaxe que o novo alcalde transmite non é boa. Explica que na partida destinada a obras quedan 84 euros e do orzamento de oito millóns só restan seiscentos mil. Con todo, o que máis lle preocupa é a cantidade de servizos que están sen adxudicar e traballan en precario.
Un dos servizos sen licitar é o de axuda no fogar. O Partido Popular presentara unha moción para que se fixera un estudo sobre as posibilidades de municipalización. Alex Doval explica que agora sacaran unha licitación intentando ampliar os servizos porque afrontar o estudo con tantos contratos por licitar sería sobrecargar de traballo aos funcionarios.
O novo goberno márcase catro áreas de traballo ás que dedicar unha atención especial. Dúas delas xa mencionadas, a atención aos maiores e o PXOM. As outras dúas poderían formar parella coas anteriores, a conciliación e a atención ao rural.
Do mesmo xeito que na Barcala os concellos de Negreira, A Baña e Santa Comba xunto con Brión teñen gobernos socialistas; a Oroso únese Trazo, Ordes ou Frades con gobernos do Partido Popular. Preguntamos polas posibilidades de colaboración que Doval centra no traballo con Trazo. Ao mesmo tempo espera reunirse coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, pola inevitable relación entre os dous concellos.
Agora que Lindeiros volve a percorrer as mesas de despacho dos alcaldes, hai que dicir que a de Alex Doval é das máis organizadas que vimos. Non serve de nada se despois ese orde non conduce a nada pero é un símbolo das ganas de facelo ben.
Alex Doval pode ser un de eses políticos cos que ninguén contaban e acaba por converterse nunha referencia dentro do partido e no seu concello. A ilusión que transmite non está exenta dunha certa seriedade, a responsabilidade está presente no xeito de explicar o que quere facer.
Ao longo dos vindeiros catro anos contaremos como desenvolve as súas ideas pero é bo ver que ás alcaldías vai chegando xente moza con ganas de cambiar o seu entorno e con novas ideas. Pode que esta lexislatura deixe un Oroso, e unha bisbarra, ven distinta e para mellor.