Compostela, 4 de decembro do 2020 – O comercio do ensanche asociado a Santiago Centro repartirá este Nadal máis de 1500 agasallos a través de boletos con premio directo.
Case un cento de comercios do Ensanche compostelán participarán na campaña de Santiago Centro, Área Comercial. Ata o próximo 5 de xaneiro, os establecementos adheridos distribúen máis de 1.200 premios, achegados polos propios negocios e pola Fundación Santiago Centro, nun esforzo para promover a fidelización dos clientes en datas especialmente importantes para o sector.
Os agasallos que se poden atopar nos boletos van desde descontos directos de ata o 50% a produtos de primeira calidade como gafas das máis coñecidas marcas; tablets e lápices de memoria USB; mochilas; zapatos; pequenos electrodomésticos; prendas de moda; cursos personalizados de inglés; complementos; artigos deportivos; reloxos; bonos de desparasitación para mascotas; cestas de Nadal; e vales de compra de 20€ para gastar nos establecementos asociados a Santiago Centro.
O funcionamento da campaña de Santiago Centro é moi sinxelo: os establecementos entregan aos clientes un boleto que, ao abrirse, indica se está premiado e onde se pode conseguir o agasallo, sen sorteos e de forma inmediata.
Santiago Centro conta nesta iniciativa co apoio do Concello de Santiago, da Deputación Provincial da Coruña e da Xunta de Galicia. Trátase de apoiar ás empresas no desenvolvemento da súa actividade nunha época clave do ano como é o Nadal, reforzando a zona moderna de Compostela como área principal de compras da cidade.