Ames, 28 de outubro do 2021 – A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar as obras de interiores de Paramuíño, na parroquia de Biduido.
A actuación en Biduido ten por obxecto a realización de obras de reparación do pavimento e drenaxe e a sinalización no interior de Paramuíño. O orzamento previsto ascende a 68.749 euros. Segundo o alcalde de Ames Blas García, esta nova adxudicación “amosa a aposta firme e decidida que este Goberno está a facer polos núcleos rurais do noso concello”.
Características técnicas das obras
Previa demolición do pavimento actual, proponse a execución dun pavimento de formigón de 15 cm de espesor delimitado por adoquín de pedra granítica, todo elo sobre 10 cm de zahorra.
Contémplase a canalización de 220 m de tubaxe de PVC Ø400 mm xunto coa instalación de arquetas con sumidoiro e caz con reixa para a correcta recollida das augas pluviais, ademais das conexións coas baixantes das vivendas. Tamén se pretende levar a cabo a mellora dos accesos a este núcleo.
No acceso sur estenderase unha capa de 5 cm de aglomerado en quente tipo AC16 B50/70 nunha lonxitude de 65 m e 3,50 m de ancho e en 25 m2 de sobreanchos, previa reparación de baches e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. No acceso norte contémplase a mellora do viario nunha lonxitude de 335 m e 3,50 m de ancho xunto con dous sobreanchos de 25 m2 , con tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de baches e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Finalmente a actuación complétase coa execución de 65 m de cuneta de seguridade con tubo de PVC Ø400 mm de diámetro e arquetas con sumidoiro no acceso sur, a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, así como a correspondente sinalización horizontal e vertical.
Investimentos na parroquia de Biduído
Blas García engade que durante os últimos anos se realizaron varios investimentos na parroquia de Biduído, entre os que destaca o acondicionamento e mellora dos núcleos de Fraíz e A Moniña, Biduído de Abaixo, Biduído de Arriba, Raíces, saída de Costoia pola fonte da saúde, senda desde Outeiro a Costoia, subida de Coira ao polígono. A estas actuacións hai que sumarlle a adxudicación da construción dunha senda peonil de Ventín a Coira e a licitación das obras de mellora dos interiores de Ventín “a veciñanza amesá pode comprobar cos seus propios ollos esta firme aposta do Goberno de Ames pola mellora do rural, pois estamos ante obras que se poden pisar e comprobar” remata dicindo o alcalde.