Aos seus 88 anos Adolfo Peiteado conserva o sorriso dun adolescente pícaro… pero sácao pouco a pasear; ve pasar a vida con calma e paseando sempre que pode até o muíño que herdou no Ulla, en Vedra, e do que fala con devoción.
Ao redor dese muíño virou a súa vida desde que naceu, ao redor del e dás viñas que camiñan até a súa porta e das que ninguén podería dicir cando foron plantadas. Adolfo lembra as crecidas do río, e a súa voz cando o conta segue demostrando o respecto que os nosos maiores lle tiveron sempre á natureza, ese que os máis novos parecen perder.
Recoñece que, habendo anos malos, a súa infancia non foi tan mala e que moita xente o pasou bastante peor durante a guerra e a posguerra; se lle preguntas a que xogaba contestará sorprendido, case sen pensar, que á estornela e si o que queres saber é que comida lembra brillaranlle os ollos ao dicirche que o porco, comezará a contarche que alí non se podían queixar e que cada ano se mataban 3 ou 4 grazas ao que sacaban de arrendar o muíño.
Traballou na construción e só saíu da súa terra 3 meses a Estremadura e alí ocupou o posto de capataz, daquela época garda unha anécdota que lle fai aflorar ese sorriso tan seu. Onde traballaba tocaban unha corneta para avisar de que se procedía a unha explosión e que a xente se puxera a cuerto, se ninguén gritaba entendíase que se podía continuar. Tras unha desas explosións un paisano achegóuselles gritando porque mataran a catro porcos que tiña encerrados nun lugar próximo. Adolfo ri ao explicar que os pobres porcos por moito que ouvisen a trompeta non podían facer nada, ao final o xefe pagoullos ao dono e todo quedou aí pero tras contar a anécdota volve o home cabal que pensa e se no canto de porcos…?.
O clima da zona non lle convencía e volveu para o Ulla; entrou a traballar nun serradoiro e alí estivo até a xubilación. Agora pasa as horas tranquilamente aínda que deixa ver nas súas palabras que a situación actual lémbralle demasiado a outras afastadas no tempo, das que puido escapar, e ás que non lle gustaría volver.
Vedra novembro 2013
*Adolfo Peiteado morreu en decembro do 2016