Melide, 4 de xullo do 2019 – Adiante Melide e o Psoe da vila veñen de emitir un comunicado conxunto no que anuncian o pecha dun pacto de goberno para a presente lexislatura.
É posiblemente unha das sorpresas, na bisbarra, das últimas eleccións municipais. Non moitos apostaban por que o PP perdera a alcaldía de Melide despois do traballo realizado pola alcaldesa Dalia García. Finalmente non foi un dos seus maiores opositores, o BNG, que conseguiu os apoios suficientes para un cambio, de feito os nacionalistas quedaron fora do concello. Adiante Melide, un novo partido, acadou 5 concelleiros fronte aos 6 do PP; agora co acordo co Psoe, 2 concelleiros, alcanzan unha maioría de goberno.
O pacto era anunciado do seguinte xeito “Hoxe José Manuel Pérez de Adiante Melide e Jose Prado do PSdeG-PSOE de Melide, firmamos o pacto para constituir un goberno municipal de coalición e progresista para o mandato 2019-2023″. O comunicado emitido polas redes sociais de ambos partidos continuaba anticipando algo da xestión ” Como mostra da vontade de entendemento e para acadar maior eficacia na xestión, o Alcalde e o tenente de Alcalde, xestionarán de forma conxunta os departamentos de Obras,Vías e Infraestruturas e Urbanismo”.
Compartir a delegación de obras será un caso único e, de saír ben, un exemplo de cooperación. Que os dous voceiros dos partidos que integran o goberno compartan esa responsabilidade obriga a un entendemento a hora de priorizar os traballos, algo que sen duda reforza o acordo e evita fisuras.
Queda por saber como estará organizado o novo goberno pero ata o día 15, data límite, hai tempo de convocar un pleno de organización que marcará unha nova etapa na vila de Melide.