Bisbarra, 15 de xaneiro do 2024 – O presidente de ADEGA, Roi Cuba, acompañou a parlamentarios europeos a visitar as praias e explicou a situación actual da costa con respecto á chegada de microplásticos.
Na visita participaron Malte Galle, eurodiputado da Comisión de Medio Ambiente, e Ana Miranda, eurodeputada do BNG. O presidente de ADEGA trasladoulles unha serie de reivindicacións mínimas para atallar novas crises ambientais provocadas por estes microplásticos.
ADEGA demanda melloras no plano CAMGAL, o protocolo establecido pola Xunta de Galicia. Poñen como exemplo que non designa portos refuxio, e a súa activación depende dunha decisión política e non a circunstancias obxectivas.
O grupo ecoloxista explica que, con todo, o máis importante “é que se activara rapidamente, é un plano de continxencias, para poñer en marcha as medidas precisas e evitar que a contaminación chegue á costa, xa que despois é moito máis difícil actuar contra ela”.
ADEGA demanda tamén que a información sobre accidentes ou incidentes marítimos sexa veraz e estea dispoñible para o público xeral en tempo real. Poñen como exemplo o que acontece cos lumes forestais, que se poden visualizar a través da plataforma web EFFIS (European Forest Fires Information System) da Comisión Europea.
ADEGA engade que a posta en marcha dun sistema de información en rede sobre este tipo de incidencias permitiría tamén que as ONGs e concellos reciban as alertas ao mesmo tempo que os organismos administrativos responsábeis (Salvamento Marítimo -ministerio, Consellaría do Mar, Medio Ambiente…) o que sería de grande axuda para organizar con tempo as eventuais accións de voluntariado que puideran ser necesarias, chegado o caso.
No plano estatal, a resposta contra unha vertedura e a coordenación dos medios sería máis efectiva se dependera da administración autónoma e non do Ministerio. As competencias en vixianza e salvamento marítimo non están transferidas a Galiza o que introduce un chanzo administrativo máis na cadea de decisións que debería ser o máis curta posíbel, alén de supoñer unha fonte de posíbel liorta política, como foi o caso.
No plano europeo, cómpre que actuar en dúas direccións: a nivel ambiental, desenvolvendo un regulamento que considere a estes materiais (pellets e granzas plásticas) como substancias contaminantes no transporte mariño (nestes intres non o son) de cara a tomar medidas na súa manipulación, tratamento, envasado…; e polo que atinxe ao transporte, establecer medidas máis estritas de control no seu trafego para evitar no posíbel perdas accidentais.
-No plano internacional sería importante que a OMI (Organización Marítima Internacional, dependente da ONU) modificara o convenio MARPOL para asignar aos precursores plásticos en forma de pellet, escama ou pó a categoría de mercadorías perigosas, para que tanto no empaquetado (máis resistente á rotura) como no etiquetado, carga, estiba e manipulación, as condicións foran máis estritas. Esta asunto comezou a discutirse nun comité de traballo en 2021 e aínda non se resolveu debido ás reticencias da industria química e as compañías de transporte marítimo.