O Fondo para a Protección do Lobo Ibérico solicita no xulgado medidas cautelares con fin de que se prohiba a caza do lobo en Galicia
Como xa contamos no seu día, Adega estivo recollendo fondos para loitar contra as novas normas que desprotexen ao lobo en Galicia. Agora, por medio do Fondo para a Protección do Lobo Ibérico, leva ante os tribunais a petición e solicita en primeiro lugar medidas cautelares que paralicen a caza.

Este Fondo está coordinado pola Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica. Onte mércores interpuxeron un Recurso Contencioso – Administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra a Resolución do 3 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural de Galicia, que modifica a Resolución de 27 de marzo de 2024, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control de danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2024/2025.
A inclusión do lobo no LESRPE (Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial) en 2021 obrigou á administración galega a suspender a súa caza. Con todo, tras a súa recente expulsión desta listaxe, a Xunta pretende volver incorporar ao lobo como especie cinexética, o que implica que se poden volver adoptar medidas de control por danos á gandaría.
O Fondo para a Protección do Lobo Ibérico é unha iniciativa xurdida por mor da súbita desprotección legal do lobo, e conta co respaldo de decenas de entidades nacionais e portuguesas, entre elas ADEGA, a Asociación Galega de Custodia do Territorio, a Sociedade Galega de Ornitoloxía e a Asociación Lobo.
En apenas dúas semanas desde a creación da campaña de crowdfunding coa que se pretende financiar as medidas necesarias para a defensa do lobo ibérico, incluídas as xudiciais, recadáronse máis de 32.000 euros grazas á achega de 700 doantes.
Coa interposición deste Recurso Contencioso–Administrativo contra a Resolución do 3 de abril de 2025 por parte do goberno galego solicítase a adopción de medidas cautelares que suspendan de forma inmediata a caza de calquera exemplar de lobo, ata a resolución do contencioso interposto.