Bisbarra, 20 de xaneiro do 2023 – O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven de paralizar un terceiro parque eólico, o de Monte Toural entre Santa Comba e Coristanco, tamén propiedade de Greenalia como os anteriores.
A paralización cautelar do proxecto Monte Toural foi tamén solicitada por ADEGA e a PDCC (Plataforma en Defensa da Cordilleira Cantábrica). Faino segundo o auto “en aplicación do principio de precaución e pola preminencia do medio ambiente sobre outros intereses, que puidera ter a promotora”.

Os contenciosos imterpostos polas organizacións ecoloxistas foron contra as autorizacións da Xunta de Galicia para estes tres proxectos. En esta nova paralización o TSXG non impón ningunha caución económica a ADEGA e á PDCC malia a que Greenalia solicitouno, aducindo perdas duns 12 millóns de €.
As consideracións das partes demandadas, Xunta e Greenalia, no caso de Monte Toural son practicamente idénticas e baséanse, entre outros argumentos, no interese público de desenvolver as enerxías renovábeis e na inexistencia de danos irreparábeis aos hábitats e especies afectadas.
Porén, Xunta e empresa recoñecen impactos sobre hábitats (dous humidais catalogados) e especies protexidas, incluídas algunhas endémicas e en perigo de extinción (Lycopodiella inundata, Euphorbia uliginosa, e Centaurea ultreiae, entre outras).
O Tribunal destaca a necesidade de aplicar os principios de prevención e precaución pola “relevancia excepcional” do espazo natural protexido (humidal inventariado, Lagoa Alcaián, e paisaxe protexida) e das especies en perigo concreto de extinción, “unha delas endémica e en perigo crítico”, que con certeza van ser afectadas polas obras.
Tamén di que a simple existencia de medidas correctoras non garante que non se vaia producir un dano irreparable. O Auto indica que existindo risco de dano certo e recoñecido sobre hábitats e especies se as obras se inician, imponse a necesidade de protexer este ben xurídico superior, o medio ambiente, sobre calquera outro beneficio.