Bisbarra, 12 de febreiro do 2024 – Hai case un ano, en marzo do 2023, contabamos que ADEGA (+ info aqui) levaba a fiscalía o proxecto eólico de Campelo, en Santa Comba, por presunta prevaricación. Agora a asociación ecoloxista presenta unha querela criminal.

A querela criminal vai dirixida contra a ex Directora Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Paula María Uría Traba, por presunta prevaricación e malversación por condonar unha débeda de 12 millóns de euros.
Kaekias Eólica conseguira os permisos nun concurso público no ano 2010. A concesión levaba aparellado un plan industrial asociado que podía ser substituído por unha aportación económica ao fondo de capital risco do IGAPE; a cantidade estimada foi de 11.721.971 de euros. A empresa Greenalia fíxose co proxecto de Campelo e optou por esta última opción quedando obrigada ao pago da cantidade.
No 2019 Greenalia decidía non pagar e presentaba un presunto plan industrial xa executado. O plan presentaba tres actuacións que xa tivera desenvolto no pasado, entre 2015 e 2019, e que nada tiñan que ver co plan industrial acollido no concurso de 2010.
ADEGA explica que dous anos despois, no 2021, Paula Uría, como Directora Xeral de Planificación Enerxética, aceptou o cambio da monetización polo efectivo desenvolvemento do plan industrial e, asemade, validou, a fin de dar por executado tal plan, as tres actuacións de Greenalia que non se correspondían co plan industrial proposto en 2010.
Agora a querela interposta por ADEGA argumenta a posible responsabilidade criminal de Paula Uría Traba como Directora Xeral e asinante da devandita resolución, pola que podería estar incorrendo en presuntos delitos de prevaricación administrativa e malversación de fondos públicos. Para a asociación exoloxista, no caso de Campelo a exdirectora tería actuado “con radical arbitrariedade e total ausencia de base legal, desviándose da normal praxe administrativa dunha maneira flagrante, notoria e patente”.